Skip to main content

Os novos bolseiros da Fundación Galicia Europa comezan a súa formación en Santiago e Bruxelas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo un encontro cos bolseiros da Fundación Galicia Europa, que comezarán a súa formación nas sedes da Fundación, tanto na de Bruxelas como na de Santiago, ao longo deste ano.

A Fundación Galicia Europa convoca estas bolsas de formación que supoñen un investimento duns 85.000 euros ao ano, e que permiten a titulados universitarios e técnicos superiores de FP completar e enriquecer a súa formación, e das que xa se teñen beneficiado máis de 400 mozas e mozos dende que a Fundación se puxo en marcha hai xa case 30 anos.

Ao longo deste ano 2017 a Fundación, reforzada con un incremento do orzamento do máis do 7 por cento, continuará a traballar por defender os intereses de Galicia ante a UE, informando sobre a UE en Galicia, promovendo a participación galega en proxectos europeos, e formando e sensibilizando á cidadanía sobre asuntos europeos, construíndo así a mellor ferramenta para manter Galicia permanente conectada coa capital europea.

As bolsas para o ano 2017 teñen unha duración de 11 meses, comezando as prácticas o 23 de xaneiro e rematando o 22 de decembro de 2017. Así, catro bolsas están destinadas a tituladas/os universitarias/os para a formación no seguimento dos asuntos relacionados coas institucións comunitarias e coas súas políticas así como coa captación de financiamento comunitario e xestión de proxectos europeos. Destas catro bolsas, dúas están destinadas na oficina da FGE de Bruxelas e outras dúas na de Santiago de Compostela.

E as outras dúas bolsas están dirixidas a tituladas/os universitarias/os para a formación en comunicación e información das políticas comunitarias, das actividades da FGE e da presenza de Galicia nos organismos europeos, con destino na oficina de Bruxelas; e para técnicas/os superiores de formación profesional para a realización de prácticas con destino na oficina de Bruxelas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia