Skip to main content

History Channel, Viacom e a canle educativa Unicoos abren o DICO Summit 2017

O evento DICO Summit, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o Cluster TIC e o Clúster Audiovisual galego, abre as súas portas o 24 de xaneiro con dúas xornadas nas que se tratarán as últimas novidades sobre os contidos dixitais e a súa repercusión en novos modelos de negocio en diferentes ámbitos.

A directora xeral de History Channel Iberia, Carolina Godayol, e o director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación de Viacom, Daniel Muñoz, inauguran o evento, o día 24, co relatorio “Contidos Dixitais nun mundo conectado”. O creador de Unicoos e finalista do Global Teacher Prize 2017, David Calle, será o encargado de ofrecer a conferencia de apertura da xornada do 25 de xaneiro

Carolina Godayol e Daniel Muñoz

Desde o ano 2011 Carolina Godayol é a Directora Xeral de The History Channel Iberia, empresa que produce e distribúe en España, Portugal e os países Africanos de fala portuguesa, as canles de televisión HISTORIA, A&E e Crime&Investigación. Previo a esta experiencia foi Directora Xeral de NBC Universal Global Networks, e Showtime Networks. Conta con máis de 20 anos de experiencia liderando equipos na contorna da televisión de pago, con ampla traxectoria en áreas de márketing e creatividade, produción cinematográfica ou televisiva e programación.

Daniel Muñoz é director de Afiliados, Medios Dixitais e Investigación de Viacom, un dos maiores maiores grupos de medios e contidos do mundo, que integra medios como MTV, Nickelodeon, Comedy Central e VH1, entre outros, así como a produción e distribución de contidos a través de Paramount Pictures. É un profesional cunha ampla traxectoria no mundo tecnolóxico e dos contidos, traballando para entidades coma PWC, IBM, FOX, Eurosport ou Discovery Network Entertaiment. Ademais, ten experiencia en innovación e transformación de negocio. Con máis de 15 anos de experiencia é un executivo internacional que ven de traballar en grandes compañías tecnolóxicas e de comunicación.

Educación a través de Youtube

A segunda xornada, centrada na influencia dos contidos dixitais nos distintos sectores produtivos, arrancará coa experiencia do CEO de Unicoos, David Calle. finalista del galardón Global Teacher Prize 2017 que premia ao mellor profesor do mundo.

Unicoos é unha canle de matemáticas, física, química e tecnoloxía en youtube, orientada á formación STEM de millóns de estudantes en todo o mundo. Na actualidade é a primeira canle educativa do mundo en fala hispana da súa categoría, con case 700.000 subscriptores e 92 millóns de visitas.

Showroom, Networking e Concurso de ideas

Ademais, contarase cun espazo de exhibición, un Showroom, no que os asistentes poderán coñecer de primeira man parte das tecnoloxías que marcarán o futuro dos contidos dixitais e as súas aplicacións prácticas. Haberá tamén tempo para que as empresas asistentes conversen entre elas cun espazo de Networking, habilitado especialmente para o coñecemento entre entre empresas e profesionais co obxectivo estreitar lazos e fomentar acordos e colaboracións dentro do mundo dixital. Por último, impulsarase o talento local a través do concurso de ideas relacionadas con novos proxectos no eido dos contidos dixitais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia