Skip to main content

Sanidade mellora notablemente as condicións de traballo dos máis de 1.200 empregados das fundacións e empresas públicas sanitarias

O Servizo Galego de Saúde vén de mellorar notablemente as condicións de traballo dos 1.215 profesionais que configuran o cadro de persoal das fundacións e empresas públicas sanitarias. Así, o conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez, e os xerentes e directores dos seguintes organismos: Hospital Comarcal do Salnés en Vilagarcía de Arousa, Hospital da Barbanza en Ribeira, Hospital Virxe da Xunqueira en Cee, Hospital de Verín, Urxencias Sanitarias-061 de Galicia, Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, Instituto Galego de Medicina Técnica e Instituto Galego de Oftalmoloxía, así como os representantes sindicais dos persoal destes organismos (CC.OO, CIG, UXT e USO), asinaron, na capital de Galicia, na sede da Fegas, o II Convenio Colectivo para Fundacións e Empresas Públicas Sanitarias, que estará vixente ata o ano 2007, data na que estes profesionais integraranse, de xeito voluntario, no réxime estatutario do Sergas.

Con anterioridade á sinatura deste II Convenio Colectivo de Fundacións, que tivo lugar na Fegas, procedeuse, tamén na sede do Sergas, á sinatura entre Administración sanitaria e os sindicatos, no seo da Mesa Sectorial, da acta que promove as actuacións precisas para realizar o proceso de estaturización do persoal das fundacións. A tal efecto, ao longo de 2005, iniciarase a negociación mediante a presentación, por parte do Sergas, dun documento de traballo para a elaboración dun proxecto de Decreto de integración, co obxecto de que o comezo da oferta de integración se poida producir no primeiro semestre do ano 2006, e que será negociada no citado exercicio.

NOVO HORIZONTE LABORAL

Segundo dixo o máximo responsable sanitario galego, José Manuel González Álvarez, a sinatura do convenio colectivo, e máis a negociación da integración destes traballadores no réxime estatutario, é unha importantísima mellora para todo este persoal e, en consecuencia, para os usuarios dos servizos sanitarios. Estes dous procesos permitirán a xestión integral dos profesionais e a súa mobilidade física e voluntaria, dentro das distintas institucións do Sergas, o que representa a apertura dun novo horizonte laboral. Cos acordos de hoxe iníciase a negociación do proceso de integración no réxime estatutario acadándose o compromiso de presentar, ao longo deste ano, a norma habilitante que permita dita integración e, ademais, posibilítase a unidade de xestión integrada dos profesionais do sector nas áreas sanitarias, coa consecuente mellora na atención á poboación.

Segundo o conselleiro os esforzos non rematan aquí posto que deberanse seguir desenvolvendo as previsións contidas na Lei de Ordenación Sanitaria para permitir o intercambio de profesionais entre as fundacións e institucións tradicionais, a mobilidade entre fundacións e o desenvolvemento dun itinerario profesional que faga atractivo para o persoal máis altamente especializado o traballo nos hospitais comarcais que se xestionan baixo a forma de fundacións públicas.

OUTRAS MELLORAS

O acordo asinado é un exemplo máis dos considerables esforzos que a Administración sanitaria galega está realizando para mellorar notablemente as condicións de traballo dos seus empregados. Outros exemplos deste esforzo son o proceso de consolidación de emprego que, en fase xa moi avanzada, esta levando a cabo o Sergas; o novo modelo de urxencias extrahospitalarias, que contempla importantes incrementos salariais e a creación de máis de 800 postos de traballo estable; ou o modelo de carreira profesional, baseado, entre outros principios, na homologación entre todos os servizos de saúde, a voluntariedade e a avaliación de méritos coa finalidade de mellorar a motivación dos profesionais e a calidade da asistencia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia