Skip to main content

Editada a guía das ONGDs de Galicia 2005

A Secretaría Xeral de Relacións co Unión Europea e Cooperación Exterior e a Dirección Xeral de Política Lingüística colaboran coa Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento na edición da Guía das ONG para o Desenvolvemento de Galicia 2005.

A publicación recolle datos completos de 58 organizacións con presencia na Comunidade Autónoma, 10 organizacións mais que as que figuraban na guía editada no ano 2003. Ao longo das mais de 120 páxinas os lectores poden consultar os datos de contacto das ONGD (enderezo, teléfonos, correo electrónico, web...) e acceder a información do máximo interés para facerse unha idea clara do que cada organización fai, en que países actúa. Deste xeito as fichas das organizacións (de unha ou dúas páxinas de extensión) estructúranse nos seguintes apartados:

-Definición e obxectivos da ONGD
-Actuacións e areas de traballo
-Proxectos e países nos que traballa
-Materiais de educación para o desenvolvemento
-Programas de voluntariado

A Guía de ONGDs de Galicia é a única publicación destas características que existe na Comunidade Autónoma e resulta unha ferramenta moi práctica tanto para os profesionais dos medios de comunicación, mestres e profesores, como para asociacións de todo tipo (xuvenis, sociais, culturais) e para calquera persoa interesada en coñecer que ONGD´s para o Desenvolvemento teñen presencia en Galicia e que é o que fan.

A guía está ilustrada con fotografias de Nicaragua do fotógrafo profesional Manuel G. Vicente autor de diversos libros, e fotografias da India da escritora María Reimóndez Meilán, todas elas cedidas gratuítamente. O deseño correu a cargo de Manuel M. Barreiro que participou con Mª del Mar Lado e Emilio M. Martínez na coordinación da edición.

A tirada é de 2000 exemplares que serán distribuidos gratuitamente entre asociacións, medios de comunicación e persoas interesadas, que as poden solicitar por correo electrónico a: coordinadora@galiciasolidaria.org ou por teléfono ao 981 58 51 89.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia