Skip to main content

Lémbrase a necesidade de seguir as medidas de protección polo temporal

O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, supervisou o estado da estrada PO-308, ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, na zona da Lanzada, que se viu afectada polas condicións meteorolóxicas adversas da pasada noite que causaron a rotura da pasarela peonil que se atopa en obras.

Menéndez explicou que, nesta área, o forte vento causou desperfectos na pasarela, concretamente, levantou 140 metros desta infraestrutura, na zona máis exposta ao vento. Polo que, dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, estase a buscar a mellor solución para lastrar a pasarela e evitar que esta situación se repita.

O responsable da AXI avanzou que as actuación que se teñan que levar a cabo será aboadas polo seguro da empresa que está executando as obras nesta zona ou polo Consorcio de Compensación de Seguros.

Na a súa visita, Francisco Menéndez aclarou que esta foi unha das moitas incidencias ocorridas nas estradas autonómicas e que, neste momento, xa están case todas arranxadas, tan só se mantén cortada a estrada PO-534, a o seu paso polo Concello de Forcarei, no p.q. 19+200 pola caída de torreta eléctrica.

Concretamente, contabilizáronse 85 puntos na rede autonómica con incidentes pola situación meteorolóxica, entre as 21.00 horas de onte e as 8:00 da maña de hoxe. Durante a noite, cortouse a PO-552 entre Baiona e o final da AG-57, por mor do oleaxe na zona. Por outra banda, recibíronse 73 avisos de caída de árbores e as estradas máis afectadas foron:

- Na PO-340 (pq 19+500) houbo un pequeno desprendemento con pedras na gabia, sen afección ao tráfico.
- A PO-244 (Ponte Caldelas (PO-255)-Soutomaior), con 5 árbores caídos.
- A PO-400 Salvaterra (PO-403) - Filgueira (PO-801), con outros 5 árbores derrubados.
- No punto quilométrico 15+700 da PO-510 (Atios (N-550) - Salvaterra (PO-400)) tamén se viu afectada pola caída de vexetación á vía.

Na provincia de Lugo:
- Entre outras, veuse afectada a LU-611 (p.q. 19+000), tamén por caídas de árbores.
- Ademais, foi necesario empregar máquinas quitaneves nas estradas LU-633 (entre os p.q. 0+000 e 20+000), na LU-637 (entre os p.q. 0+000 e 6+000). Consumíronse 10 toneladas de sal.

Na provincia da Coruña:
- Entre outras, houbo incidencias na AC-566 (p.q. 22+900) e na AC-221 no punto quilométrico 1+100.
- Tamén varias incidencias na AG-59 (p.q. 6+100), na AC-451 (p.q. 1+500), AC-552 (p.q. 90+000) e na AC-445 (p.q. 2+500) pola caída de elementos nas calzadas, que foron ca todos eles retirados.
- Así mesmo, desprendéronse 3 pantallas antirruido na AG-56 Santiago-Brión, que xa foron retiradas aínda que non chegaron a afectar ao tráfico.

Na provincia de Ourense:
- Aquí hai que circular con precaución polas estradas: OU-113 (p.q. 23+000), OU-301 (p.q. 17+000), OU-402 (p.q. 35+000), OU-504 (p.q. 15+000), OU-533 (p.q. 37+000), OU-536 (p.q. 6+000) e a OU-902 (dende o p.q. 15+000 ata o 26+000).

Os técnicos pertencentes ao Programa de Conservación Integral que está desenvolver a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) mobilizáronse para garantir a circulación en condicións de seguridade nas estradas de titularidade autonómica.

Por último, o director da AXI insistiu en que s previsións meteorolóxicas prevén que as dificultades se manteñan, polo que é necesario facer un chamamento á precaución na circulación, e a axeitar a velocidade ás condicións meteorolóxicas en cada momento, especialmente na noite.

O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou entre as 06,00 horas e as 12,00 horas desta mañá un total de 403 incidencias relacionadas co temporal que está a afectar á nosa comunidade.

Segundo o informe actualizado ás 12,00 h, as incidencias máis destacadas desde o comezo do temporal son caída de árbores e pólas nas estradas, carteis, pancartas, cables de luz, derrubamentos, bolsas de auga, terra e pedras en estradas. Así como varios centros escolares pechados por mor de caída de árbores e tellas. Ademais, varios portos galegos foron afectados por roturas de pantaláns e diques flotantes, así como embarcacións afundidas.

Por provincias, a que rexistrou máis incidencias foi A Coruña con 182, seguida de Pontevedra con 112, Lugo con 63 e Ourense con 47 incidencias. Os concellos con máis número de incidencias foron na provincia da Coruña, Narón, Ferrol, Narón, Rianxo, Muxía, Ribeira, Santiago e Padrón; na provincia de Lugo, Portomarín, Lugo, Vilalba, Friol; na provincia de Ourense, os concellos con maior incidencias foron Carballeda de Avia, Ribadavia e Arnoia; e na provincia de Pontevedra foron Gondomar, Vigo, A Estrada, Vilanova de Arousa e Pontevedra.

En Guitiriz, no lugar de Pardiñas hai 2.028 afectados polo subministro eléctrico. En Bembibre (Coruña), 3.114 afectados polo subministro eléctrico. No concello de Oleiros,no lugar de Mera, quedaron sen luz na rúa nin nas vivendas. Tampouco funcionaban os semáforos. Na provincia de Ourense nos concellos de Boborás e O Irixo tamén 3.000 usuarios quedaron sen subministro eléctrico.

Danos nas infraestruturas portuarias

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a avaliar os danos producidos polo temporal nas infraestruturas portuarias que xestiona este ente. Portos de Galicia contabiliza en arredor de 36 os portos afectados polas incidencias, relacionadas con roturas de pantaláns e diques flotantes, embarcacións afundidas, desprendementos de chapas e fingers (elementos de amarre de embarcacións) e caída de sinais.

Os portos máis afectados foron fundamentalmente os da provincia de Pontevedra e A Coruña. Nas instalacións da provincia pontevedresa a incidencia máis destacada rexistrouse no porto da Guarda (Pontevedra), onde se derrubou parcialmente o dique de abrigo. En Baiona o temporal levantou parte da cuberta do tellado da lonxa e causou danos nos pantaláns. No porto de Portonovo rexistrouse unha rotura das tanzas antigaivotas do tellado da lonxa, soltáronse vaias chapas no teito da fábrica de xeo, houbo roturas nun pantalán e nun finger e un veleiro quedou varado nas rochas. Ademais, en Meloxo varias embarcacións e bateas quedaron varadas nos areais e en Aguete tamén houbo danos no pantalán, no dique flotante e danos nas beirarrúas.

En canto á provincia da Coruña, o porto de Corme rexistrou unha avaría eléctrica e houbo danos no espaldón do dique de abrigo. Tamén houbo danos nos portos de Ribeira, onde romperon pezas dos pantaláns e a barreira de control de acceso ao peirao comercial e nas instalacións de Palmeira soltáronse dous fingers dos pantaláns de embarcacións menores.

No litoral Cantábrico, no porto de Cedeira o aire provocou danos na cuberta da nave de caixas, nas portas e no falso teito da lonxa e no alumeado público. No peirao de Bares tamén se rexistraron avarías eléctricas no alumeado.

Incidencias centros escolares

Desprendementos parciais de cuberta no IES Ramon Caamaño de Muxía e no CPI A Picota de Mazaricos. No CEIP Andrade de Pontedeume caeron tellas e foron suspendidas as actividades no exterior. No CPI Xanceda (Mesía) voou parte do tellado do pavillón deportivo. No CIFP Monte Alto da Coruña caeu unha prancha do tellado no patio, e foron suspendidas as clases. E no CPI Vedra (Vedra) e no CEIP Juana de Vega de Oleiros, quedaron sen luz.

En Vigo, na parroquia de Teis, a directora dun centro escolar suspendía a actividade no Centro, por mor da caída dunha árbore que caera no patio. Indicou que rompera as fiestras. A árbore ocupaba todo o patio do recinto e e, ademais, o vento levantara o tellado do pavillón.

Ademais, no EEI Donramiro (Lalín) quedaron sen luz e teléfono. No CEIP Quintela (Redondela), houbo caída de árbores e danos en cuberta. No CEIP Vilaverde (Pontevedra), houbo caída de árbores e danos no tellado; e no IES Poio, producíronse caída de tellas e cornixa.

Na provincia de Ourense, houbo incidencias no CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo, en Carballiño; no CPI Terras de Maside; no CPI Virxe da Saleta en San Cristovo de Cea; no IES de Vilamarín, no CEIP Carmen García Carrasco, de Cenlle; no CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira, de San Amaro; no CEIP Saco e Arce de Toén; no CEIP de Oímbra; no EEI de Solbeira en Paderne de Allariz; e no CEIP das Vendas de Barreira, en Riós. As incidencias son relativas a caída de chapas, problemas co subministro eléctrico, goteiras, e danos varios.

En canto aos centros dependentes de Política Social, detectáronse incidencias fundamentalmente na provincia de Pontevedra. Así, no centro sociocomuntario Rivera Atienza, de Vigo; no espazo xove de Lalín; e no centro O Saiar de Caldas detectáronse filtracións de auga. Neste último caso desprendéronse, ademais, paneis do falso teito dunha aula e inundouse un baño por filtracións de auga na parede.

Na cidade de Vigo producíronse outras incidencias, como na residencia xuvenil Altamar, onde se rompeu unha persiana e un portalón; no centro sociocomunitario de Bouzas, con problemas co canalón da porta principal; na escola infantil de San Paio, coa caída da valla; e na escola infantil de Caeiro, coa rotura de pólas de árbores na entrada.

Pola súa banda, no centro sociocomunitario do Porriño rompéronse tellas e a antena de televisión; e no centro de día Pontecaldelas levantouse un tellado, que está pendente de valoración. A antena de televisión da residencia de maiores de Campolongo tamén se rompeu por mor do temporal; e no espazo xove de Tui caeuse o caño de auga na fachada traseira.

Nas escolas infantís houbo incidencias nos concellos de Fene, Cotobade, O Grove, Muxía, Vilamarín, Marín, Seixo, Toén,Moraña, Rois, Oleiros, Valadouro, Meira, Oia, Curtis, Carballiño, Pereiro de Aguiar, Arteixo, Cedeira, Camariñas, Antas de Ulla e Lalín, todas relacionadas con entradas de auga, caídas de teito ou cortes no subministro eléctrico e telefónico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia