Skip to main content

Lingua de namorar premia as mellores mensaxes de amor da mocidade en galego

O día dos namorados foi o elixido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para botar a andar unha nova quenda do concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade 'Lingua de namorar', que chega á súa quinta edición. Así o deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa os titulares dos dous departamentos, Valentín García e Cecilia Vázquez, respectivamente.

Ademais, os responsables das políticas lingüística e xuvenil da Administración autonómica avanzaron que están xa en marcha desde ambos os departamentos os traballos de coordinación e deseño do que será o primeiro plan da Xunta para dinamizar o uso do galego entre a mocidade, tal e como anunciaran hai uns meses.

O galego, lingua da xente nova

“Iniciativas coma esta, dirixidas á xente nova, e tamén as que teñan como obxectivos específicos potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia á rapazada de orixe castelanófona centrarán a axenda de traballo da Secretaría Xeral de Política Lingüística nos vindeiros meses para darlle un novo pulo á dinamización do uso do galego no marco dese novo plan, o primeiro desde o que se desenvolverán as directrices do sector 2 do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, no que xa estamos a traballar de maneira coordinada coa Dirección Xeral de Xuventude”, detallou o secretario xeral, xa que “queremos que a lingua propia de Galicia sexa a lingua da xente nova”, concluíu.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado salientou que a dinamización e a promoción do galego entre a mocidade é un eixo prioritario da acción do Goberno galego. Neste sentido, sinalou que programas como ‘Lingua de namorar’ non soamente serven para fomentar entre os rapaces e rapazas o uso do galego, senón que tamén permiten amosar a capacidade creativa e talento deles.

Ademais, Cecilia Vázquez, defendeu a utilidade do galego en todos os ámbitos, contextos e momentos da vida. Ao respecto, defendeu a valía de programas como este, xa que “permiten fomentar o emprego da lingua galega nun ámbito como o das tecnoloxías, que é fundamental para a difusión do idioma polo seu valor innovador e de futuro e, así mesmo, porque vai dirixido a unhas franxas de idade nas que se fai moi necesaria a intervención con iniciativas de dinamización lingüística”.

Bases do concurso

Lingua de namorar vai dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos, que se dividirán en dúas categorías de idade: de 14 a 19 e de 20 a 35.

As mensaxes participantes deberán estar escritas en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse na web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 5 de marzo. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 6 ao 10 do mesmo mes.
Resolución do xurado e premios

O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes gañadoras publicaranse o 22 de marzo na páxina web do concurso.

Establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada smartphone Wiko 5'' Qcore 3, 16 GB; o segundo premio consiste nunha cámara instantánea Fujifilm 46x26 MM; e o terceiro premiado recibirá un smartwatch SPC 9616T.

Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro premio consiste nunha cámara réflex Canon EOS 1300D, 18 Mp, Full HD, WiFi; o segundo nunha tableta Samsung Galaxy Tab A 10,1” Ocore, 16 GB; e o terceiro premio consiste nun smartwatch SPC 9616T.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia