Skip to main content

Barreiro demanda garantías orzamentarias para a consolidación do Parque das Illas Atlánticas

O vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, demandoulle ao Estado que “non se penalice ao Parque Nacional das Illas Atlánticas no reparto de fondos”. Deste xeito, o conselleiro expresaba o seu malestar co criterio proposto polo Ministerio de Medio Ambiente, tanto para a distribución de subvencións vencelladas ao Parque Nacional como para o cálculo do orzamento das transferencias. Desde o Goberno central apóstase polo criterio histórico para realizar a distribución orzamentaria, algo que o vicepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente cualificou de moi negativo para o Parque Nacional das Illas Atlánticas, “xa que é o máis novo”.

Xosé Manuel Barreiro participou en Madrid na xuntanza do Consello da Rede de Parques Nacionais, onde se abordou a distribución de fondos. Na reunión, o conselleiro insistiu na necesidade de reforzar o investimento no Parque Nacional das Illas Atlánticas para garantir a súa consolidación e situalo en igualdade de condicións que os demais parques nacionais. A este respecto, Barreiro sinalou que o parque galego é o máis novo do Estado e precisa dunha análise detallada para coñecer as necesidades presupostarias de futuro.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia