Skip to main content

O Centro Dramático Galego acolle a revisión do mito de Helena de Troia

O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG), será o escenario da representación en Santiago de ‘Helena: Xuízo a unha lurpia’, espectáculo de Teatro do Atlántico que achega unha revisión contemporánea do mito clásico de Helena de Troia. María Barcala defende este papel na versión galega da obra do recoñecido dramaturgo Miguel del Arco, que dirixiu Xúlio Lago a partir da tradución asinada por Inma López Silva.

A última proposta de Teatro do Atlántico, unha das compañías de referencia na historia da escena profesional galega, ofrecerá catro funcións en Compostela (do xoves 23 ao sábado 25, ás 20.30 h, e o domingo 26, ás 18.00 h), ademais de dous pases matinais mañá e o xoves concertados con diferentes centros escolares para o seu alumnado de Secundaria.

A directora do CDG, Fefa Noia, acompañou hoxe a Xúlio Lago e a María Barcala na presentación de ‘Helena: Xuízo a unha lurpia’, montaxe para a que Teatro do Atlántico conta tamén coa escenografía deseñada por Antonio F. Simón, co vestiario de Susa Porto, coa música e o espazo sonoro de Anxo Graña, co pianista Pablo Souto e con Lucía Regueiro como axudante de dirección, entre outras achegas.

“Monólogo de gran formato”

A loita pola dignidade, a xustiza e a igualdade, así como a súa denuncia da violencia de xénero e os abusos do poder, conforman o eixo temático da proposta, que foi definida polo seu director como “monólogo de gran formato”. Aquí esta personaxe da mitoloxía grega reivindica o seu papel histórico, ao tempo que dialoga en tempo presente cos espectadores. A ironía, o humor e o sarcasmo da filla de Zeus, unidos á expresión intensa e conmovedora da súa paixón por Paris, contribúen a actualizar este mito nunha montaxe que lle outorga ao público o papel de xuíz, avogado e testemuña.

‘Helena: Xuízo a unha lurpia’ é un dos 29 espectáculos subvencionados pola Consellería de Cultura e Educación a través da convocatoria de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) á produción escénica para 2016. Tras a súa estrea o pasado mes de outubro en Narón, a montaxe atópase en xira realizando funcións por diferentes escenarios galegos, como as que ofrecerá o vindeiro 4 de marzo en Oleiros ou o 8 de marzo na Coruña como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

As entradas para as súas catro funcións en Santiago están xa á venda a través de entradas.abanca.com e tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada unha das representacións.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia