Skip to main content

Preséntase un estudo pioneiro de Siro López sobre o humorismo en Cervantes

O humorista gráfico e caricaturista ferrolán Siro analiza no ensaio que se presenta o mércores 22 de febreiro no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, a aparición do humorismo na literatura universal coa obra ‘O Quixote’, de Cervantes. O volume, que leva por título ‘Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo’ e que acaba de ser publicado pola Consellería de Cultura e Educación, constitúe a máis destacada e rigorosa investigación sobre o humorismo cervantino, ademais de fornecer valiosas análises a propósito doutras figuras do humanismo galego e universal.

Neste traballo, o artista ferrolán presenta ‘O Quixote’ como a primeira obra humorística da literatura universal. Segundo Siro, trátase do primeiro estudo no que se explica por que Cervantes crea o humorismo na literatura, un tema que non fora abordado en profundidade ata o de agora. “Non existe na bibliografía cervantina, en ningún idioma, un traballo que estude o que supuxo ‘O Quixote’ como aparición dunha nova forma de humor, o que agora chamamos humorismo”, afirma.

Presentación da obra no CGAC

Esta extensa monografía, que veu a luz na colección Cadernos Ramón Piñeiro do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades –adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística–, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, será presentada o mércores, 22 de febreiro, na biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea, ás 19:00 horas. Xunto con Siro, no acto participarán o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o autor do prólogo da obra, o catedrático de filosofía Ramón López Vázquez; e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, Manuel González.

Para explicar como Cervantes crea o humorismo, o caricaturista ferrolán parte da tese apuntada por Celestino Fernández de la Vega, que explica a través dunha fonda análise sobre a biografía do autor e sobre a sociedade da época nun ensaio estruturado en 12 capítulos. No primeiro deles ocúpase de cuestións definitorias verbo do que debe entenderse por comicidade, sátira e humorismo, percorrendo estes conceptos en autores como Pío Baroja, Ramón Gómez de la Serna, Wenceslao Fernández Flórez, Julio Casares, Celestino Fernández de la Vega e noutros autores galegos, nomeadamente Castelao. Logo dunha documentada panorámica biográfica sobre as posibles orixes galegas e o vencello sanabrés de Cervantes, estuda as posicións deste ante a crise de Estado e a Contrarreforma da segunda metade do XVI, o seu declarado humanismo e o estreito parentesco do humor cervantino e o erasmista.

A cerna do libro

A cerna do libro concéntrase no capítulo titulado “Humor e humanismo no Quixote”, no que Siro López analiza o tránsito de Don Quixote e Sancho desde a comicidade ao humorismo e como este último caracteriza tamén o cura e o barbeiro, Sansón Carrasco, Tomé Cecial e outros personaxes da obra. Así mesmo, descóbrese o que nesta hai de humor absurdo, de humor negro e de fantasía humorística, conectándoos coa crítica social, o lirismo, a risa e a violencia.

Os restantes capítulos da obra abordan temas complementarios aos xa descritos: a análise crítica dos asedios previos sobre o humorismo cervantino asinados por Unamuno ou Teresa Aveleyra Sadowska; o estudo do humorismo en Pirandello; a acuidade de Celestino Fernández de la Vega en ‘O segredo do humor’; as ironías e transcendencia do humorismo de Cervantes; o humor no Lazarillo e na obra de Avellaneda en comparanza co Quixote; o concepto de humorismo en conexión co de caricatura e a autocaricatura humorística en Cervantes; e, por remate, a insuficiente lectura cervantina de Nabokov quen, ao ver do de Ferrol, non chegou a comprender o fondo humorismo do Quixote.

O volume ‘Cadernos Ramón Piñeiro. XXXVI. Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo’, que se abre cunha ilustración de cuberta do propio autor, principia cun amplo prólogo do ensaísta e catedrático de Filosofía Ramón López Vázquez, quen pon de relevo a importancia do labor levado a cabo por Siro López, contextualízao no conxunto da súa escrita e salienta as súas principais achegas. A obra remata cunha nutrida sección de bibliografía consultada e un pormenorizado índice onomástico, que facilitan a consulta do ensaio ao tempo que o completan.

Autor dunha dilatada obra que o levou a pescudar a presenza e sentido do humorismo en autores como Castelao, Xosé María Cao Luaces, Celestino Fernández de la Vega ou Ramón Piñeiro, Siro López Lorenzo ‘Siro’ (Ferrol, 1943) rematou este traballo sobre o humor na obra de Cervantes no final do pasado ano 2016, coincidindo co cuadricentenario da morte do xenial escritor. Con anterioridade, cadrando cos catrocentos anos da aparición da primeira parte do Quixote, publicou ‘Sobre o humor de Cervantes no Quixote’ (2005), tamén nos Cadernos Ramón Piñeiro.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia