Skip to main content

O CEIP coruñés Anxo da Garda e o IES vigués Carlos Casares gañan o concurso-exposición Letras Galegas

O Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo publican a Resolución da convocatoria de concurso para a elaboración da exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas 2017, Carlos Casares Mouriño, convocatoria que, como cada ano, puxo en marcha hai uns meses a Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Desta volta, resultaron gañadores do premio o CEIP Anxo da Garda da Coruña, -que se fixo co galardón na categoría de infantil e primaria pola súa proposta 'Carlos Casares, un escritor desta Galaxia'- e o IES Carlos Casares de Vigo -que, co seu traballo 'Carlos Casares Mouriño, o coleccionista de historias', obtivo o premio na categoría de ESO, bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais.

Os centros educativos que participaron na confección destas dúas mostras e das súas correspondentes guías didácticas recibirán un premio en metálico por importe de 2000 euros cada un e o profesorado implicado no seu desenvolvemento obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30, no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que conforman cada exposición gañadora imprimiranse e distribuiranse en preto de 2000 puntos de Galicia e do exterior. Servirán así para achegarlle ao alumnado, á sociedade, á emigración galega e aos estudantes da nosa lingua no estranxeiro a figura de Carlos Casares, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.

Os carteis que conforman cada exposición e as súas guías didácticas estarán tamén nas próximas semanas a disposición do público no Portal da Lingua Galega a canda outros materiais elaborados para celebrar as Letras.
Letras Galegas nos centros de ensino

Coa convocatoria deste concurso-exposición, a Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, quere sumarse á conmemoración do Día das Letras Galegas desde os centros de ensino non universitarios da súa titularidade, impulsar o estudo da obra de Casares, favorecer a reflexión sociolingüística sobre o contexto histórico en que viviu, incentivar a realización de actividades que fomenten a colaboración multidisciplinar e que potencien a implicación activa do profesorado e do alumnado e mais arrequecer a oferta de materiais didácticos en lingua galega, promovendo a súa divulgación como referentes para a creación doutros.

Exposicións gañadoras

Os carteis que integran a exposición gañadora na categoría de infantil e primara -'Carlos Casares, un escritor desta Galaxia' do CEIP Plurilingüe Anxo da Garda da Coruña- foron elaborados cunha caixa ou mesa de luz, unha ferramenta educativa e lúdica inspirada no enfoque pedagóxico de Reggio Emilia. A caixa de luz permite distintas posibilidades de creación e resulta moi motivadora para os rapaces e rapazas, ao servir como fonte de exploración, descubrimento, xogo libre, integración sensorial, observación, atención…

En opinión do xurado, “a variedade das técnicas e dos materiais empregados e o uso das novas tecnoloxías (códigos QR)” na proposta do CEIP Anxo da Garda “dá como resultado un conxunto harmonioso de gran calidade plástica, sen esquecer o obxectivo de promover e difundir a figura do autor e fomentar a dignificación e dinamización da lingua galega. Nos textos, o uso da primeira persoa consegue aproximarlle ao público a figura do autor, que parece falar con el”.

Na categoría de ESO, bacharelato, FP e ensinanzas especiais, a mostra gañadora resultou ser a do IES Carlos Casares de Vigo, que presentou unha serie de carteis nos que se xoga cunha superposición de planos: sobre a imaxe de fondo do tren que tanta importancia tivo na traxectoria do autor homenaxeado incorpóranse fotografías relacionadas coa súa vida e obra e, encol destas, debuxos á man que evidencian a participación do alumnado. O resultado, segundo o xurado, “é un produto de alta calidade técnica, harmonioso e moderno”. A incorporación de citas de Casares en todos os carteis contribúe de forma moi eficaz a ampliar o coñecemento da súa vida e obra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia