Skip to main content

A economía galega medra un 3,1% en 2016, o maior crecemento dos últimos 9 anos

O Produto Interior Bruto de Galicia (PIB) medrou o pasado ano un 3,1%, segundo reflicten os datos de Contabilidade Trimestral publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, a economía galega acadou en 2016 o seu mellor resultado dos últimos nove anos, e superou amplamente a previsión do 2,5% que estableceu a Xunta nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano.

No cuarto trimestre do ano, o PIB galego mantivo un forte ritmo de crecemento e medrou un 0,8% sobre o trimestre anterior, unha décima máis que o PIB español. Neste mesmo período a economía galega avanzou un 3,2% en comparación co mesmo trimestre do ano 2015, un incremento que tamén supera ao de España en dúas décimas (3,0%).

Os datos do organismo estatístico da Xunta mostran que o bo comportamento da economía galega no ano 2016 baseouse en tres piares: os resultados positivos de todos os sectores da economía galega, o incremento do consumo dos fogares e das administracións, e a excepcional evolución das exportacións de bens e servizos.

Por sectores, todas as áreas de actividade rexistraron en 2016 unha evolución positiva. Así, o sector servizos avanzou un 3,3%, cunha evolución destacada da rama de comercio, transporte e hostalería, que crece un 6,9%. A construción tamén medrou por riba do 3% -un 3,1%- e a industria mantivo a súa liña positiva e creceu un 2,5%, cunha evolución aínda mellor da industria manufactureira –a máis intensiva en emprego-, que creceu un 3,5%. Finalmente, o sector primario creceu un 0,9% en taxa interanual.

En canto á demanda, o gasto en consumo final aumentou o pasado ano un 2,5%, tres décimas máis que en 2015. Nesta apartado inclúese o gasto dos fogares e das institucións sen fins lucrativos, que aumentou un 2,6%, e o gasto en consumo final das administracións públicas, que tamén mellorou respecto a 2015 e creceu un 2,3%.

Os datos do IGE reflicten así mesmo un comportamento excepcional das exportacións de bens e servizos, que medraron en 2016 un 5,5%, 1,3 puntos máis. Nesta boa evolución foi clave o récord de comercio exterior que acadou Galicia ao superar por primeira vez a barreira dos 20.000 millóns de euros de mercadorías vendidas ao estranxeiro.

O crecemento económico rexistrado en 2016 traduciuse en máis postos de traballo. De feito, os datos de contabilidade trimestral do IGE reflicten que o emprego a tempo completo aumentou un 2,3%, o que permitiu crear máis de 22.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo, o maior incremento dende o ano 2007.

Os datos do IGE ratifican que se melloraron amplamente as previsións iniciais da Xunta de Galicia para o exercicio 2016, tanto en evolución do PIB como en taxa de paro.

O Goberno galego incluíu nos Orzamentos para 2016 unha previsión do crecemento económico do 2,5%, pero o incremento finalmente acadado foi seis décimas mellor. A Xunta tamén estimou que a taxa de paro baixaría ao 18,3%, pero este indicador rexistrou igualmente unha evolución mellor do agardado e reduciuse no conxunto do ano ao 17,2%.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia