Skip to main content

As familias disporán de préstamos a interese cero para a renovación, reforma e rehabilitación de vivendas

A Xunta de Galicia porá este ano por primeira vez á disposición das familias préstamos con intereses bonificados ata nun 100% co obxectivo de fomentar as actuacións de renovación, reforma e rehabilitación de vivendas. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, acompañada do director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, asinou os convenios de colaboración cos representantes de Abanca, Caixabank, Caixa Rural Galega e Banco Sabadell para a posta en marcha desta iniciativa pioneira.

Segundo avanzou a conselleira, a Xunta publicará neste mesmo mes no Diairo Oficial de Galicia a orde pola que se activa esta medida para a concesión de préstamos con xuros bonificados, que a Administración autonómica subvencionará con medio millón de euros neste exercicio.

Con esta medida, o Goberno galego prevé xerar un investimento inducido de 9 millóns de euros en obras de rehabilitación de vivenda en Galicia.

Ethel Vázquez explicou que Os créditos serán sen xuros para as familias con ingresos de ata 4 veces o IPREM, por exemplo un fogar con 3 membros no que entren menos de 37.400 euros ao ano, e a intereses baixos para as de ingresos superiores. No caso de persoas con ingresos maiores de 5,5 veces o IPREM e que non superen as 6,5 veces, aínda que non terán bonificacións nos intereses, si disporán de facilidades na concesión do préstamo beneficiándose, por exemplo, da exención da comisión de apertura, entre outros.

O importe máximo do préstamo fíxase en 30.000 € para aqueles de carácter persoal e en 60.000 € no caso de préstamos hipotecarios.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou que “a Xunta e entidades financeiras vimos de dar un novo paso para impulsar a rehabilitación, que supón de beneficio directo para os cidadáns, que verán melloradas as súas condicións de vida e, tamén, para a dinamización da actividade económica e o emprego na nosa Comunidade, porque non hai que esquecer que a rehabilitación é a ocupación que máis postos de traballo xera por euro investido”.

Todas aquelas persoas interesadas en acollerse a esta medida da Xunta, cando soliciten o préstamo na entidade financeira deberán entregar a resolución emitida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e a documentación que pida a entidade para garantir o préstamo.

No orzamento para cubrir o préstamo, ademais do custo das obras concretas que se van acometer, poderán incluírse os honorarios dos profesionais que interveñan no proxecto e na súa execución, así como os informes técnicos necesarios, polo que unha vez concedido o crédito, a Xunta de Galicia reintegrará á entidade financeira as contías dos intereses, que a entidade xa non cobra aos titulares do préstamo.

Ethel Vázquez enmarcou esta iniciativa na aposta da Xunta pola renovación de vivendas e edificios, que está a impulsar novos programas e medidas que contribúan a dar un maior pulo, se cabe, a esta actividade.

A conselleira destacou que “a rehabilitación é unha solución eficiente, sustentable e de futuro para contar con vivendas para as familias galegas; incide na mellora das condicións e da calidade de vida dos nosos veciños e contribúe á dinamización e recuperación de barrios emblemáticos das nosas vilas e cidades, como amosa o Programa Rexurbe”.

Finalmente, subliñou que, dende o Goberno galego “animamos aos galegos a que se acollan a estas axudas e aposten pola rehabilitación, xa que é un modo sinxelo, e tamén menos custoso e máis respectuoso co noso medio, para acceder a unha vivenda”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia