Skip to main content

Xunta e Consello Galego de Economistas colaboran no asesoramento aos afectados polas cláusulas chan

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o presidente do Consello Galego de Colexios de Economistas, Miguel Ángel Vázquez Taín, asinaron en Santiago un acordo para facilitar aos consumidores o cálculo das cantidades indebidamente pagadas polas cláusulas chan abusivas.

Grazas a esta colaboración, proximamente poñerase a disposición das persoas afectadas unha ferramenta informática que estará dispoñible para que os consumidores poidan recibir asesoramento tanto nas sete oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia como nas oficinas municipais e nas asociacións de consumidores e usuarios, a cuxos profesionais se achegará formación técnica específica.

Tal e como explicou a directora de Comercio e Consumo, esta ferramenta permitirá que os consumidores poidan contrastar as cantidades que lles ofrezan as entidades financeiras en resposta ás súas reclamacións. Así mesmo, Vázquez Abeal lembrou que usuarios e consumidores teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Xunta para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan.

Así, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha unha campaña para informar aos consumidores sobre a última sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, así como do procedemento extraxudicial activado polo Goberno central. Nesta campaña que está a percorrer as principais cidades e vilas galegas participaron xa máis de 700 persoas, mentres que preto de 2.700 se informaron nas sete oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia no que vai de ano.

Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén están publicadas na web de Consumo (https://consumo.xunta.gal/) as instrucións sobre cómo proceder para reclamar ante as entidades financeiras, así como un modelo de formulario para realizar a reclamación e o texto da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ao respecto, así como o Real Decreto-Lei 1/2017, do 20 de xaneiro, de medidas urxentes de protección de consumidores en materia de cláusulas chan. Esta información xa recibiu máis de 20.000 visitas, mentres que máis de 17.000 persoas descargaron a documentación.

Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia