Skip to main content

O sector pesqueiro crea un grupo de traballo para seguir as novidades do Brexit

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu o pleno do Consello Galego de Pesca no que se acordou a creación dun grupo de traballo para “facer seguimento de todas as novidades” que se van producindo en relación ao Brexit. O obxectivo, subliñou a titular de Mar, é “estar preparados para xustificar os intereses da frota pesqueira galega” ante a decisión de Reino Unido de abandonar a Unión Europea.

Este grupo súmase ao composto polas rexións da fachada atlántica europea, que coordinará Galicia e que estudará o impacto que terá o Brexit nas rexións da cornixa atlántica da Unión Europea. Neste sentido, explicou Rosa Quintana, a finalidade do grupo do Consello Galego de Pesca é seguir os avances que se poidan ir dando dentro das organizacións europeas como por exemplo a Europêche (asociación das organizacións nacionais de empresas pesqueiras da Unión Europea), sobre todo, subliñou, agora que está a piques de aplicarse o artigo 50 do Tratado da Unión Europea sobre o mecanismo de retirada dun país da UE.

Tamén se suma ao informe encargado pola Xunta ao Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga para avaliar as consecuencias desta decisión do Reino Unido para a pesca galega. Neste sentido, a conselleira do Mar lembrou que Galicia foi a primeira rexión e a única ata o momento que fixo este traballo.

En canto á relación de Galicia co Reino Unido, destacou que se o Reino Unido quere manter unhas regras de comercio xustas con España debe ter en conta tamén os intereses do sector pesqueiro galego.
Outros temas

O pleno do Consello Galego de Pesca tamén abordou un informe elaborado polas Consellerías de Economía, Emprego e Industria, Sanidade e Mar sobre a modificación e adaptación dos botiquíns que deben levar a bordo as embarcacións da frota de baixura. Este informe realizouse no marco do grupo de traballo creado en conxunto co sector co obxecto de adecuar as esixencias dos botiquíns aos tempos de resposta derivados da distancia á costa.

Ademais analizou as liñas xerais para a modificación do decreto de artes e aparellos de pesca, unha petición do sector sobre a ampliación da reserva mariña dos Miñarzos, en Lira, (Carnota) e tamén abordou o anteproxecto de lei de portos de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia