Skip to main content

Asuntos Sociais financia con 72.000 euros accións formativas da CEG para persoas en risco de exclusión social

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, e o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antonio Fontenla, asinaron en Santiago un convenio de colaboración para poñer en marcha accións de capacitación laboral destinadas a persoas ou grupos con risco de exclusión, asi coma a beneficiarios da renda de integración social de Galicia.

O departamento autonómico subvencionará as actividades, que deberá organizar a CEG, cun total de 72.000 euros a través das confederacións de empresarios das catro provincias. Este orzamento está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

ACCIÓNS

O convenio establece que as confederacións de empresarios provinciais serán as encargadas de realizar accións de capacitación e habilidades profesionais nos sectores con máis posibilidades de inserción laboral, dirixidas a persoas en risco de exclusión social. As actividades, que terán un alto contido práctico, faranse en función da demanda do mercado laboral e do coñecemento e especialización de cada confederación provincial, así como do perfil dos beneficiarios.

O obxectivo principal que se persegue con estas iniciativas formativas é lograr o acceso ao emprego dos participantes, aos que se capacitará para realizar diferentes oficios e profesións. Ademais, ensinaránselles técnicas de busca de emprego. A selección dos beneficiarios farase individualmente, en función das súas capacidades e da adecuación do seu perfil a cada un dos cursos específicos. Os equipos municipais e provinciais de intervención do I Plan de Inclusión Social serán os encargados de levar a cabo esta selección.

I PLAN GALEGO DE INCLUSIÓN SOCIAL

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais elaborou o I Plan de Inclusión Social, no marco do Programa Operativo do Fondo Social Europeo, de acordo coas directrices da Unión Europea que obrigan aos Estados membros a elaborar programas de inclusión social. O I Plan Galego de Inclusión Social iniciouse no ano 2001 e ata o 2004 o número de beneficiarios incorporados ao mesmo foi de 18.858 persoas, dos que 8.232 son homes e 10.626 mulleres.
Tanto a consellería de Asuntos Sociais como a CEG son conscientes da necesidade de unir os seus esforzos de cara a posibilitar unha maior inserción social e laboral dos colectivos en risco de exclusión. Esta colaboración supón a posta en práctica das directrices comunitarias que propician un enfoque integrado do problema e a participación dos axentes sociais na súa solución. O obxectivo principal é mellorar as condicións de vida e acadar a plena participación social destes colectivos marxinais, especialmente no mercado de traballo.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia