Skip to main content

‘Lingua de namorar’ premia a mocidade pola súa creatividade

As Consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, fan pública a resolución da quinta edición do certame de declaracións de amor na rede. O xurado –que estivo presidido pola escritora María Canosa- concedeu os seis premios establecidos nas bases a outras tantas mensaxes elixidas de entre as máis votadas no concurso, polo grao de elaboración, orixinalidade e calidade lingüística das declaracións de amor que presentaron. Para alén dos premios, o xurado decidiu conceder tamén unha mención de honra.

Así, na categoría A, de 14 a 19 anos, de entre as 52 mensaxes que recibiron sete ou máis votacións, resultaron gañadora do primeiro premio Sara Caride Blanco (Cambados, Pontevedra), coa mensaxe “Eternidade”; do segundo Inés Amado Rodríguez (Cuntis, Pontevedra), pola mensaxe “Escribindo poesía”; e do terceiro Ana Barros Fernández (Marín, Pontevedra), pola mensaxe “Foliada de mel”. Na categoría B, de 20 a 35 anos, Diego Arranz Fernández (Ourense), gañou o primeiro premio coa mensaxe “Ti, produto de risco”; Estefanía González López (Santa Comba, A Coruña) o segundo pola mensaxe “De Rosalía a Benedetti”; e Rubén Barreira Blanco (Verín, Ourense) pola mensaxe “Contando”.
O xurado tamén decidiu conceder unha mención de honra, pola súa frescura e denotación pola identidade e lingua propias, á mensaxe “En galego”, de Anabel López Blanco (Melide, A Coruña). As mensaxes gañadoras pódense ler na páxina do concurso http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/10945-lingua-de-namorar-2017-mensaxes-ganhadoras.

Preto de 600 mozos e mozas participaron en ‘Lingua de namorar’ durante as catro semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes. O prazo de participación estivo aberto do 14 de febreiro ao 5 de marzo e, a partir do 6 de marzo os usuarios e usuarias puideron votar polas súas mensaxes favoritas ata o 10 deste mesmo mes.
En marcha o plan de dinamización entre a mocidade

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado traballan xa no que será o primeiro plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade feito pola Xunta de Galicia, unha nova folla de ruta para a promoción do uso social do idioma propio de Galicia desde o ámbito da mocidade que está previsto que presenten este mesmo ano os dous departamentos.

Ao abeiro del, implementaranse iniciativas como Lingua de namorar ou outras que teñan como obxectivos específicos potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade galega, reforzar o uso do idioma entre os galegofalantes e proporcionarlle modelos lingüísticos galegófonos de referencia á rapazada de orixe castelanófona para darlle así cumprimento ás directrices do sector 2 do Plan xeral de normalización da lingua galega aprobado por unanimidade de todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego no ano 2004.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia