Skip to main content

Unha guía reúne o legado das casas-museo Valle-Inclán

As casas-museo Valle-Inclán de Vilanova de Arousa e mais da Pobra do Caramiñal contan por vez primeira cunha guía conxunta, que tamén incorpora as rutas valleinclanianas nestes dous municipios. A publicación, promovida pola Consellería de Cultura e Educación, foi presentada en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo alcalde e o tenente de alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán e Javier Tourís, respectivamente, pola directora do museo local, Patricia César Conde, e mais polo director do museo pobrense, Antonio González Millán.

“A suma de esforzos e o traballo coordinado entre as dúas casas-museo, os seus respectivos concellos e a Xunta de Galicia son a base na que se sustenta esta guía”, explicou Anxo Lorenzo, quen recordou que a publicación nace ao abeiro das iniciativas promovidas co gallo do 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán, unha celebración colectiva que tivo lugar en 2016 e á que se lle dá continuidade tamén neste ano.

Segundo declarou o secretario xeral, “as dúas casas-museo teñen nesta guía un material valioso co que dar a coñecer a riqueza que albergan as súas coleccións, a historia dos propios mobles e das pezas nos que se exhiben e os edificios que lles dan acubillo”. Esta información, que se ilustra con numerosas imaxes das pezas e dos espazos comentados, acompáñase dunha parte de contidos dedicados ás rutas valleinclanianas nos concellos de Vilanova de Arousa e da Pobra do Caramiñal, o que fai das guías “un manual completo e de grande utilidade para todas aquelas persoas que queiran descubrir a Valle-Inclán tanto a través da súa obra como tamén dos seus espazos vitais”.

“Coido –dixo– que era necesario ofrecerlle á cidadanía unha guía coma esta, na que se poñen en diálogo as dúas casas-museo galegas dedicadas a Valle-Inclán e os seus respectivos municipios, tan presentes na obra do escritor e, polo tanto, fundamentais para afondar nas claves da súa vida e mais do seu valioso legado literario”.

A guía, na Libraría Institucional da Xunta de Galicia

Ademais dos visitantes das casas-museos, as persoas interesadas tamén poden conseguir a guía solicitándoa a través da páxina web da Libraría Institucional da Xunta de Galicia, en https://libraria.xunta.gal/es/guia-valleinclaniana-casa-museo-valle-inclan-vilanova-de-arousa-museo-valle-inclan-a-pobra-do, aboando os portes do envío postal.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia