Skip to main content

O Proxecto Dummie tratará de concienciar a 60.000 mozos da necesidade de non mesturar alcohol e condución

O titular do Goberno galego, Manuel Fraga, salientou que coa segunda edición do proxecto Dummie, o Executivo autonómico pretende chegar a uns 60.000 mozos e mozas de Galicia “e conciencialos da necesidade de non mesturar alcohol e condución”. O mandatario galego presentou, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago, esta iniciativa no decurso dun acto ao que tamén asistiu os titulares das Consellerías de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo; e de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás.

Durante a súa intervención, Manuel Fraga referiuse aos resultados deste proxecto en 2004. Así, salientou que na iniciativa, que se desenvolveu baixo o lema Non sexas dummie, controla o que bebes, participaron 40.044 mozos galegos que pasaron polas carpas informativas de seguridade vial, instaladas nos principais lugares de ocio da xuventude ao longo da xeografía galega.

O proxecto Dummie contribuíu así ao descenso nun 18% dos accidentes mortais nas estradas galegas e nun 23,2% de persoas mortas durante 2004, mentres que no resto de España, estas porcentaxes foron do 15,3% e 16,8%, respectivamente. “Ademais –engadiu Manuel Fraga-, a porcentaxe de vehículos denunciados por alcoholemia reduciuse respecto ao ano anterior”.

PREVIR O NON CONSUMO

Deste xeito, a Xunta de Galicia, vistos os resultados da pasada edición e concienciada de que queda moito que facer coa xuventude galega desde o ámbito da prevención do non consumo de alcohol se van conducir, decidiu repetir a experiencia neste ano 2005.

Así, os responsables da campaña continuarán informando á mocidade sobre o Proxecto Dummie nos centros educativos, servíndose de material audiovisual da Dirección Xeral de Tráfico como elemento de debate entre eles. Ademais, a iniciativa estará presente nos sete campus galegos, con información directa para a xuventude universitaria da necesidade de recoñecer os perigos do alcohol na condución.

“Nesta nova edición –anunciou Manuel Fraga- colocaremos nas ITV´s (Inspección Técnica de Vehículos) personaxes de cartón –dummies xigantes- informativos do proxecto, e tamén en diferentes estacións de servizo galegas, que recorden á xuventude galega o lema Non sexas dummie, controla o que bebes”.

Finalmente, o presidente da Xunta de Galicia salientou que a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado conta nesta edición coa colaboración de patrocinadores como Estrella Galicia, Citröen, a Dirección Xeral de Tráfico, Total e as ITV´s.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA PRESENTACIÓN DA SEGUNDA EDICIÓN DO PROXECTO NON SEXAS DUMMIE, CONTROLA O QUE BEBES

- “O seu lema Non sexas dummie, controla o que bebes tivo gran aceptación nas campañas do ano 2004, coa participación dos 40.044 mozas e mozos que pasaron polas carpas informativas de seguridade vial, instaladas nos principais lugares de ocio da nosa xuventude ao longo de Galicia”.

- “Os datos do Ministerio de Interior (Dirección Xeral de Tráfico) falan dun descenso de accidentes mortais nas estradas galegas dun 18% e de persoas mortas nun 23,2% , mentres que no resto de España as porcentaxes son do 15,3% e do 16,8%, respectivamente. Ademais, a porcentaxe de vehículos denunciados por alcoholemia reduciuse respecto ao ano anterior”.

- “Sabemos que queda moito que facer coa nosa xuventude desde o ámbito da prevención do non consumo de alcohol se van conducir, motivo polo que consideramos necesario volver realizar o Proxecto Dummie neste ano 2005”.

- “O obxectivo que nos temos marcado neste ano 2005 é chegar a uns 60.000 mozos e mozas galegos, e conciencialos da necesidade de non mesturar alcohol e condución”.

- “Seguiremos informando á mocidade sobre o Proxecto Dummie tamén nos centros educativos, servíndonos de material audiovisual da Dirección Xeral de Tráfico como elemento de debate entre eles”.

- “Estaremos presentes nos sete campus universitarios de Galicia, con información directa para a nosa xuventude universitaria da necesidade de recoñecer os perigos do alcohol na condución”.

- “Nesta nova edición colocaremos nas ITV´s (Inspección Técnica de Vehículos) personaxes de cartón –dummies xigantes- informativos do proxecto, e tamén en diferentes estacións de servizo galegas, que recorden á xuventude galega o lema Non sexas dummie, controla o que bebes”.

- “Para acadar estes obxectivos temos como patrocinadores a Estrella Galicia, cunha forte implicación, e a Citröen, sempre presente nos nosos proxectos, aos que lles damos as grazas por compartir a ilusión do Proxecto Dummie, no que tamén colaboran a Dirección Xeral de Tráfico, Total e as ITV´s”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia