Skip to main content

Os conselleiros de Sanidade e Familia visitaron no Hospital do Salnés a escola infantil Mafalda

O conselleiro de Sanidade, José Manuel González Álvarez; e a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, Pilar Rojo Noguera, visitaron no Hospital do Salnés as dependencias da nova escola infantil Mafalda, que presta atención a nenos de 0 a 3 anos.

A posta en funcionamento da nova escola infantil no Hospital do Salnés produciuse en primeira instancia cun módulo de 7 nenos ata o vindeiro mes de xullo -en horario de 7:45 a 15:15 horas- e terá unha segunda campaña de matriculacións a efectuar tralo verán. Deste xeito, o centro sanitario arousán prevé ampliar gradualmente no tempo o número de prazas desta escola, ata as 40 en 3 módulos. Así mesmo, a súa xornada de actividade se ampliaría ata as 22 horas no caso de existir demanda de horario de tarde.

Trátase da primeira gardería posta en funcionamento dentro do sistema sanitario galego e ten o seu emprazamento no andar -1 do hospital arousán. Dispón dun espazo específico diferenciado da área asistencial do centro sanitario. Conta con máis de 160m2, repartidos en tres módulos de atención e educación infantil, comedor, área de usos múltiples e zona de descanso para os nenos.

A gardería conta con 2 profesionais especializados en educación infantil -que traballan en atención directa cos nenos- así coma coa cobertura por persoal do centro sanitario dos servizos de limpeza e cociña.

CONVENIO ENTRE CONSELLERÍAS

Durante a súa visita, José Manuel González Álvarez e Pilar Rojo Noguera salientaron a importancia do convenio asinado polas súas respectivas Consellerías, que propiciou a apertura desta escola infantil no Hospital do Salnés, e que facilitará a conciliación da vida laboral e familiar dos traballadores noutros centros da rede pública sanitaria galega.

Neste senso, cómpre lembrar que a colaboración entre a Consellería de Sanidade e a de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado tamén consolidou o pasado mes de xaneiro a sinatura dun documento marco de colaboración para a creación dunha nova gardería para os fillos dos traballadores do Complexo Hospitalario de Pontevedra e da Cidade Infantil Príncipe Felipe.

Así mesmo, o Hospital do Barbanza ou o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela xa traballan na apertura das súas respectivas garderías.

Xunto con isto, actualmente, entre prazas existentes, gardarías en construción, convenios asinados ou en trámite e proxectos que se están a xestionar, a Xunta ten garantidas preto de 16.000 prazas para finais do 2005, das que 13.000 xa están disponibles, e mantén o obxectivo de alcanzar nesas datas unha cifra de entre 19.000 e 20.000. Deste xeito Galicia acadaría a ratio recomendada en Europa para 2010, un 33% de cobertura pública, cun lustro de antelación. Ademais, ao longo deste ano, crearanse 600 novas prazas en puntos de atención infantil (PAIs).
Gabinete de Comunicación do Sergas da Xunta de Galicia