Skip to main content

Anúnciase a OPE de 1.600 prazas de Sanidade para o último trimestre do ano 2018

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou que “estamos pendentes de fixar a OPE de 2017, a nosa idea é facelo en outubro ou novembro” e que hai marxe de que se aproben os orzamentos a nivel nacional para poder chegar ás 1.600 prazas. Neste senso, lembrou que Sanidade sempre mantivo o compromiso da realización de ofertas públicos de emprego anuais co número máximo de prazas vacantes chegando ao límite das taxas de reposición establecidas.

O conselleiro de Sanidade procedeu esta mañá a formalizar a sinatura do Plan de Estabilidade do Emprego e Provisión de Prazas do Persoal Estatutario do Servizo Galego de Saúde 2017-2018. O Pacto foi asinado cos sindicatos profesionais CESM-OMEGA, SATSE, así como polo CSIF.

Almuiña destacou que o Plan reducirá nunha medida moi relevante (ata o 5%) a porcentaxe que representa o persoal eventual. Este obxectivo sitúase ata tres puntos por debaixo do obxectivo asumido polo Ministerio de Hacienda, “o feito de baixar ao 5% cando o obxectivo nacional é do 8% mide a implicación da Xunta neste sentido”, afirmou.

O Plan está concibido para o período 2017-2018, e o conselleiro de Sanidade destacou que é obxectivo do Sergas efectuar o 75% das medidas neste ano.

Así, da dotación aos cadros de persoal con arredor de 800 prazas para a conversión de persoal eventual en interinidades en praza vacante, o 50% xa está executada, coa conversión a data de hoxe de 438 nomeamentos de servizo determinado en interinos. No segundo semestre deste ano formalizaranse 200 novas interinidades, e outras 200 no primeiro semestre de 2018.

Ademáis, o Plan reforza o compromiso de mobilidade voluntaria dos profesionais facilitando a conciliación da vida familiar e laboral, incluíndo nos concursos de traslados prazas cubertas con nomeamentos de interinidade formalizados en execución do propio Plan de Estabilidade.

Tamén regula a implantación ao longo deste ano dun concurso aberto e permanente para garantir unha mobilidade do persoal propietario máis áxil, cara a destinos próximos ás súas localidades de residencia ou con mellores expectativas de desenvolvemento profesional.

Na procura dunha simplificación da tramitación e ofrecendo maior transparencia, o Plan contempla a incorporación a tramitación electrónica a través da ferramenta online FIDES/Expediente-e de diferentes procesos de provisión como postos de xefatura e coordinación ou persoal directivo.

Así mesmo, no marco do Plan desenvolverase o procedemento de selección de persoal licenciado sanitario facultativo especialista de área conforme a unhas bases negociadas, de aplicación común e uniforme en todas as xerencias do Sergas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia