Skip to main content

Conecta Fiction abre a colaboración co foro Séries Mania de París

A organización de Conecta Fiction continúa abrindo novas vías de colaboración con eventos e empresas afíns cara á celebración do 21 ao 23 de xuño en Santiago da que será a primeira edición deste encontro de coprodución de ficción televisiva, promovido pola Xunta de Galicia, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, baixo a produción de Inside Content. Así, o evento contará con presenza no Séries Mania, de París, como parte do intercambio establecido con este prestixioso foro internacional.

Neste caso, a colaboración materialízase na organización o vindeiro día 18 dun dos paneis do festival francés, que estará moderado por Géraldine Gonard, directora de Conecta Fiction, para abordar os retos de adaptar a Europa formatos televisivos en español. A través de exemplos concretos, os participantes describirán como desenvolver un proxecto deste tipo, fomentando a coprodución e analizando a reacción das audiencias europeas.

Este será, de feito, un dos eixos de traballo de Conecta Fiction, que bota a andar este ano como primeiro encontro de coprodución entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos de fala hispana, e onde Séries Manía tamén estará presente no marco do programa de conferencias. Entre as alianzas estratéxicas para o desenvolvemento en Santiago de Compostela desta cita internacional destacan igualmente as colaboracións con RTVE e Movistar +.
Elección de 10 proxectos

A organización acaba de anunciar, así mesmo, a ampliación ata o 30 de abril do prazo de inscrición de proxectos de series e miniseries a través de www.conectafiction.com. De entre todas as recibidas, un comité internacional seleccionará as 10 propostas que participarán no ‘pitching’ de coprodución. Ademais, Movistar + elixirá un destes proxectos finalistas para ofrecerlle un contrato de desenvolvemento.

Esta será unha das actividades centrais do programa profesional de Conecta Fiction, que ofrecerá outra serie de accións de formación e ‘networking’ encamiñadas á presentación e ao estudo de propostas cara á negociación e o peche de acordos de coprodución. O rexistro para empresas e profesionais interesados en participar tamén está aberto a través da web, cun desconto especial para as inscricións que se realicen ata o 30 de abril.

Conecta Fiction, que arrancará cun acto de apertura na noite do 20 de xuño, reunirá na Cidade da Cultura e noutros espazos de Compostela os responsables dunhas 60 cadeas de televisión, produtoras e marcas de referencia en América e Europa interesadas en investir en coproducións, como HBO, Telefe, Fox LATAM, Univisión, Arte, Mediaset Italia, Fox Europa ou TF1 de Francia.

Neste sentido, preséntase como unha excelente oportunidade para descubrir talentos e novo proxectos, así como para atopar o financiamento para a posta en marcha de coproducións internacionais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia