Skip to main content

A Xunta leva 371 actuacións a case un cento de concellos galegos a través do programa Cultura no Camiño 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis, levan ata finais de setembro un total de 371 actuacións por 98 concellos de toda Galicia –un de cada tres do territorio autonómico– polos que pasan as diferentes rutas xacobeas. Así o explicou o conselleiro Román Rodríguez na presentación da quinta edición de Cultura no Camiño, nun acto no que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e que contou coas actuacións en directo de Guadi Galego e de Pistacatro como mostra da diversidade artística do programa. Así mesmo, estiveron presentes a directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela; e o director de comunicación de Gadisa, José Luis Fernández Astray.

O investimento de Cultura no Camiño ascende a 544.287,47 euros, que asumen a Xunta de Galicia, os concellos participantes e mais Gadis. Moitos dos alcaldes e responsables municipais destas localidades asistiron hoxe tamén á presentación realizada no compostelán Museo das Peregrinacións e de Santiago, símbolo e centro difusor do fenómeno xacobeo.

O titular do departamento de Cultura da Xunta sinalou que se trata dunha iniciativa consolidada que nun lustro ten duplicado o número de concellos participantes, case cuadriplicado o número de funcións e triplicado o número de compañías participantes. Neste sentido, o conselleiro sinalou que un dos obxectivos deste programa é dinamizar o mercado de traballo dos profesionais da nosa cultura, dado que todas as compañías que se contratan son galegas. Este ano, de feito, xerarase emprego para case dous centos destas compañías.

Román Rodríguez quixo agradecer tamén aos concellos participantes o seu esforzo, xa que contribúen a costear parte do caché dos artistas; así como a Gadis o seu apoio por terceiro ano consecutivo a este programa. Asemade, explicou que a mellora da oferta cultural, dada a dispersión da poboación galega, pasa pola colaboración coas administracións locais cun fin común: descentralizar os circuítos de distribución e levar o teatro, a narración oral, a danza, a maxia, a música e o novo circo ás prazas e auditorios das vilas galegas.

Símbolo de identidade

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou que o programa incrementará un ano máis a vertente cultural da experiencia única que supón facer o Camiño de Santiago. Neste senso, afirmou que realizar a Ruta Xacobea ten que ser unha oportunidade para coñecer a cultura, a paisaxe e as xentes que comparten a experiencia ou que habitan as vilas xacobeas.

“Grazas a esta iniciativa, engadimos un atractivo complementario á gastronomía, aos recursos patrimoniais culturais, naturais e paisaxísticos do Camiño de Santiago que suporá unha mostra da nosa vida cultural e unha acollida calorosa para amenizar as xornadas de peregrinación”, sinalou.

Así mesmo, destacou que o Camiño continúa a ser un fenómeno plenamente actual e un símbolo de identidade, un elemento desestacionalizador e captador de turismo internacional que posiciona a Galicia como marca e como destino diferencial. Neste senso, sinalou que tras o máximo histórico de peregrinos acadado o pasado ano, neste 207 estase a superar esta cifra ao recoller a súa Compostela xa máis de 23.000 peregrinos, máis dun 10% máis que no mesmo período do pasado ano.

Reforzar os Camiños

As funcións prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo ademais co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes. A este respecto, o conselleiro lembrou que a Xunta ten un firme compromiso cos Camiños de Santiago, polo que se está traballando para reforzar o atractivo de modo que cada unha das súas paradas sexa inesquecible para o visitante.
Artes escénicas, música e circo

Cultura no Camiño conta este ano con oito novas incorporacións respecto a 2016, concretamente os concellos de O Barco de Valdeorras, Pantón, Mondoñedo, Sarreaus, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Tui e Meis. O programa vertebra un extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas, e resulta un exemplo de traballo colectivo e de colaboración institucional para ofrecer a mellor programación posible, involucrando a distintas administracións, pero tamén a creadores, compañías, xestores e programadores nun ciclo pensado, deseñado e realizado por e para o público. Treixadura. Guadi Galego, Uxía, Elefante Elegante, Cé Orquestra Pantasma, Caramuxo Teatro, Raquel Queizás, Rosa Cedrón, Pistacatro, A Tropa de Trapo, TrasPediante, Sarabela Teatro, Talía Teatro, o Mago Teto… son só algúns dos artistas que farán as delicias de grandes e pequenos nestes 98 concellos ao longo de toda a primavera e o verán.

Por provincias, a que conta con máis participantes é A Coruña (34 concellos e 124 actuacións), seguida de Pontevedra (24 concellos e 96 actuacións), Lugo (24 concellos e 94 actuacións) e Ourense (16 concellos e 57 actuacións). En canto ao tipo de actividades, a predominante será o teatro, con 161 funcións, seguido da música (102 actuacións), a maxia (69), o novo circo (32) e a danza (7); todos eles espectáculos producidos recentemente en Galicia. A meirande parte terán lugar en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu impacto en relación coa dinamización cultural en Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia