Skip to main content

En Marea pide que se revisen con lupa os millonarios contratos da Xunta con empresas investigadas

Para denunciar “os tentáculos da corrupción en Galicia”, o voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares expuxo en rolda de prensa os datos das “sospeitosas” concesións da Xunta de Galicia a empresas coma INDRA ou OHL, investigadas por financiamento ilegal do Partido Popular, pois “ temos que estar vixilantes porque xa vimos noutras operacións coma a Púnica ou a Gürtel, que as tramas de corrupción dunha Comunidade Autónoma adoita ter repercusións noutras a través de favores”.

Por iso En Marea esixe que a Xunta “revise con lupa todas os contratos millonarios da Xunta de Galicia con empresas investigadas por financiamento ilegal do PP”. Villares cuestionou que unha sociedade como INDRA, acusada de financiar con 700 mil euros o PP de Madrid, tivese unha adxudicación da Xunta de 30 millóns de euros durante o último ano, a contía máis númerosa (20 millóns de euros), destinada a desenvolver a tecnoloxía con drons no aeródromo das Rozas. “Terán que explicar como INDRA, que competía con Airbus e Boeing, logrou esta adxudicación sen estar especializada na tecnoloxía aeronáutica”, alegou o voceiro de En Marea para quen corrupción institucional tamén é “crear un marco normativo ad hoc con pregos que lle dan legalidade ao resultado do concurso, pero que son contrarios ao interese xeral”.

Ademais, INDRA foi beneficiaria dun contrato por 6 millóns de euros nun contrato de AMTEGA (Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia) e de 4.8 millóns de euros pola xestión de programas informáticos do SERGAS.

Villar Mir e Ferroatlántica

Un caso semellante é a estreita relación do conglomerado de empresas da familia Villar Mir e a Xunta de Galicia, investigadas tamén na Operación Lezo, e que deron como resultado a imputación do propio Juan Miguel Villar Mir e o seu xenro, Javier López Madrid, con máis de 200 millóns de euros en contratos da Xunta nos últimos vinte anos.

“O caso de OHL e de Villar Mir é especilamente relevante pois a empresa xa anunciou que de xeito inminente lle solicitará a Feijóo a autorización para segregar e vender as centrais de Cee e Dumbría, operación contraria á concesión administrativa e que pón en risco máis de 400 postos de traballo na Costa da Morte”, sinalou Villares. “Que vai facer Feijóo? Está Ferroatlántica exercendo influencia sobre o PP para o seu propio beneficio empresarial? Enganámonos se dicimos que hai unha relación directa entre o trato de favor a esta empresa e o financiamento do PP?”, preguntouse o voceiro parlamentario de En Marea en relación á actitude “deliberadamente ambigua” da Xunta con respecto a esta decisión de Villar Mir.

En Marea reitera a solicitude dunha Fiscalía Anticorrupción para Galicia. “Queremos que o PP recapacite e diga NON ao roubo e expolio do público, para iso precisamos medios materias e humanos en Galicia para investigar todos estes entramados e casos”, concluiu Luís Villares.
Gabinete de Comunicación de En Marea