Skip to main content

A Xunta está a habilitar como lugares de ocio e esparexemento zonas onde había vertedoiros de residuos

O presidente da Xunta inaugurou no municipio coruñés de Curtis o punto limpo da localidade, no que a Consellería de Medio Ambiente investiu un total de 510.770 euros. A posta en marcha deste punto limpo posúe unha característica que o diferencia dos 46 enclaves destas características construídos ata o de agora en Galicia: contará cunha microplanta semellante ás plantas de transferencia de Sogama que servirá de punto intermedio para a entrega temporal e posterior transporte de residuos ata o complexo ambiental de Cerceda. “A entrada en funcionamento destas instalacións permitirá adiantar a clausura e selado doutros vertedoiros e reducir os custes de transporte do lixo ata o xestor final”, sinalou Manuel Fraga. O punto limpo de Curtis ponse en marcha inmediatamente despois da clausura do vertedoiro de residuos sólidos urbanos do municipio nuns terreos que se destinarán ao goce e uso público dos cidadáns e no que se situarán instalacións de ocio equino.

Así, a clausura do vertedoiro de Curtis, no que a Xunta investiu 298.905 euros, permitirá agora que o enclave no que se situaba sexa aproveitado para potenciar os recursos e potencialidades da zona co fin de que redunden positivamente no desenvolvemento local da comarca. A zona de Curtis conta cunha relevante cabana equina e, grazas a esta actuación, tal e como sinalou o presidente da Xunta, “onde antes había lixo hai agora un lugar de encontro e esparexemento”.

CLAUSURA DE VERTEDOIROS E CONSTRUCIÓN DE PUNTOS LIMPOS

A clausura dos vertedoiros de residuos sólidos urbanos de Galicia e a construción de puntos limpos en diferentes localidades da Comunidade Autónoma vén orixinada pola posta en marcha do denominado Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia, que comezou a funcionar en 1998. Dentro deste plan intégrase o Programa de Adecuación, Selado e Clausura de Vertedoiros de Galicia. Desde aquela data e ata actualidade, a Xunta clausurou un total de 114 vertedoiros, aos que hai que engadir os selados polos propios concellos, e construíu 46 puntos limpos.

Tal e como se salientou anteriormente, o punto limpo de Curtis contará cunha microplanta de transferencia propia. Esta microplanta –segundo sinalou o mandatario galego- é unha das cinco que este ano porá en marcha Medio Ambiente ao longo do territorio galego.

CARACTERÍSTICAS DOS PUNTOS LIMPOS

Cómpre lembrar que os puntos limpos son recintos emprazados no contorno das cidades e vilas, que teñen como obxectivo servir aos cidadáns como centro de recollida selectiva dos residuos xerados no ámbito domiciliario. Estes recintos están equipados con contedores específicos para os distintos tipos de refugallos susceptibles de entrar nos circuítos de reutilización e reciclaxe.

Así, os puntos limpos permiten a recuperación de materiais para a súa reciclaxe directa, o vertido incontrolado de materiais voluminosos que non poden ser eliminados polos servicios de recollida de lixo (tales como electrodomésticos, por exemplo), a separación dos residuos perigosos que se xeran no fogar, e a redución do volume dos residuos que se eliminan noutro tipo de vertedoiros.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DE OCIO EQUINO, PUNTO LIMPO E MICROPLANTA DE TRANSFERENCIA DE CURTIS

-“Na última metade dos anos 90, a falta de alternativas á eliminación de residuos a través do seu depósito nun vertedoiro así como a saturación que amosaban boa parte destas instalacións, sen esquecer os prexuízos ambientais que isto supoñía, trouxo consigo a necesidade de idear e de acometer novas liñas de actuación para a axeitada xestión de residuos que, ademais de sostibles no tempo, permitisen tamén un mellor aproveitamento dos nosos recursos naturais. Xurdiu así o Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos de Galicia en 1998, no que se integra o Programa de Adecuación, Selado e Clausura de Vertedoiros de Galicia”.

-“A día de hoxe, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, tiña clausurado un total de 114 vertedoiros, aos que hai que engadir os clausurados polos propios concellos”.

-“Sen embargo, a obra de clausura e selado que hoxe inauguramos, que supuxo un investimento de preto de 300.000 euros amósase como unha actuación singular e diferenciada respecto do que se viña facendo ata o de agora, por configurarse como un proxecto que culmina o inicio dunha nova etapa coa que a integración da perspectiva ambiental e a mellora da calidade ambiental acada unha nova orientación a prol dun desenvolvemento sostible efectivo”.

-“Así, á rexeneración ambiental do espazo que antes se viña empregando para a eliminación dos residuos, engádese agora a recuperación destes terreos para o goce e uso público dos cidadáns aproveitando os recursos e potencialidades da zona que redundarán positivamente no desenvolvemento local desta comarca”.

-“Curtis conta cunha importante cabana equina e, grazas a esta actuación, onde antes había lixo hai agora un lugar de encontro e esparexemento. Mellora da calidade ambiental e utilidade pública combínanse, en consecuencia, nun proxecto que marcará un antes e un despois na xestión dos residuos en Galicia”.

-“Pero, tamén neste caso, é preciso facer referencia a unha importante novidade que incorpora este proxecto, que supuxo un investimento de máis de medio millón de euros, que o diferencia dos outros 46 puntos limpos construídos ata o de agora”.

-“Esta nova circunstancia vén motivada polo feito de incorporar no punto limpo unha microplanta semellante ás denominadas plantas de transferencia de Sogama, que teñen como obxectivo servir de punto intermedio para a entrega temporal e posterior transporte ata o complexo ambiental de Cerceda”.

-“A entrada en funcionamento destas instalacións permitirá adiantar a clausura e selado doutros vertedoiros e reducir os custes de transporte do lixo ata o xestor final”.

-“A microplanta, que é unha das cinco que este ano vai por en marcha a Consellería de Medio Ambiente, vén a sumarse e a prestar unha función complementaria ás 21 ecoplantas de Sogama distribuídas por todo o territorio galego”.

CLAUSURA DO VERTEDOIRO DE RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS E CONSTRUCIÓN DO PUNTO LIMPO DE CURTIS (A CORUÑA)

O punto limpo de Curtis (A Coruña) supuxo un investimento, por parte da Consellería de Medio Ambiente, de 510.770,12 euros. Situado no polígono industrial de Curtis-Teixeiro, a carón da N-634, conta cunha planta de transferencia con autocompactador. Pola súa banda, a clausura do vertedoiro de RSU tivo un custe de 298.905,82 euros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia