Skip to main content

A colaboración público-privada será imprescindible para lograr os ambiciosos obxectivos da nova Estratexia de Turismo de Galicia 2020

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou o III Encontro do Clúster de Turismo de Galicia Consolidando un destino turístico sustentable que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.

Durante o acto de inauguración, a responsable de Turismo da Xunta destacou que o turismo constitúe un dos sectores máis activos e con maior capacidade de desenvolvemento na economía galega ao representar máis do 11% do produto interior bruto e o 12% do emprego.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que para aproveitar este gran potencial do sector resulta fundamental apostar pola coordinación tanto público-privada como interadministrativa.

Neste senso, destacou a relevancia acadada polo Clúster de Turismo de Galicia o cal, segundo afirmou, se converteu nunha ferramenta indispensable para lograr obxectivos comúns de todos os integrantes e traballar conxuntamente no posicionamento do destino Galicia dun xeito eficiente e competitivo. “Coa súa constitución conseguimos aglutinar os intereses das múltiples asociacións e profesionais nunha única entidade incrementando as opcións para apostar pola internacionalización e a apertura a novos mercados e proxectos turísticos”, afirmou a directora galega de Turismo.

Así mesmo, Nava Castro resaltou, durante a inauguración do encontro, que para manter o impulso do sector son fundamentais a innovación e a competitividade.

Estratexia 2020

Nesta liña, Nava Castro recordou que Turismo de Galicia inicia neste ano unha nova estratexia co horizonte no ano 2020 resultado dun proceso participativo que abordou un amplo traballo de campo e unha profunda análise estratéxica.

“Para a elaboración desta estratexia dimos un paso máis na colaboración público-privada traballando man a man para elaborar esta nova folla de ruta do turismo galego que ten en conta as necesidades de cada un dos axentes da cadea de valor do sector turístico galego”, explicou.

Segundo sinalou, a través deste novo plan mellorarase a competitividade do turismo galego consolidando Galicia como un destino sustentable diferenciado a nivel global e adaptado aos cambios do mercado.

Así mesmo, destacou que esta nova Estratexia de Turismo de Galicia establece uns ambiciosos obxectivos sectoriais para o 2020 que pasan por incrementar en máis dun 21% os turistas que chegan a Galicia, ata acadar os 6.000.000, e impulsar o peso do turismo internacional ata representar máis do 33% do total, o que se traduce en 2.000.000 de visitantes estranxeiros.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia