Skip to main content

Desde a Consellería de Emigración enténdense as declaracións do candidato do PSdeG-PSOE como un acto de manipulación política

As declaracións efectuadas en rolda de prensa polo secretario xeral do PsdeG, Emilio Pérez Touriño, nas que anunciaba a “proposta de crear en Galicia unha oficina de atención ós retornados” amosan unha vez máis a absoluta tutela que o goberno de Madrid exerce sobre o candidato socialista.

Desde a Consellería de Emigración tense constancia do coñecemento por parte do grupo parlamentario socialista da política integral que se está a desenvolver en materia de retorno por parte da Xunta de Galicia, así se evidencia a través das diversas iniciativas parlamentarias nas que o PsdeG facía solicitudes explícitas das medidas previstas polo goberno galego para facilitar a integración dos retornados na nosa Comunidade Autónoma ou cando se facían peticións de situar as xa existentes Oficinas de atención ós retornados nalgún dos municipios galegos. En tódolos casos se lles respostaba coa existencia desde 2004 de dispositivos territoriais de atención ó retornado que están integrados pola Rede Galega de Acollida Básica e a Rede Local de Información e Orientación e na que participan 19 entidades, asociacións e sindicatos, e 36 concellos de distintas cores políticas, contando na actualidade con 74 puntos de atención na nosa Comunidade Autónoma.

Doutra banda, resulta algo inaudito que o candidato dunha das forzas políticas aspirantes á Xunta presuntamente descoñeza o contido dos orzamentos do goberno para este 2005, nos que se incrementaba a partida destinada ó retorno nun 120%, precisamente ante a necesidade de fortalecer tanto as Oficinas do retorno en Galicia como a creación específica da Rede de Oficinas de Información e Orientación ó Retorno no exterior- en Iberoamérica e Europa-.

Neste punto, cabe lembrar a inexistencia de partidas orzamentarias do goberno central- con competencia exclusiva na materia- que financien mínimamente as actuacións acometidas por Galicia en materia de retorno. Algo do que o candidato do PsdeG nin o propio partido socialista se preocuparon nunca en reclamar, nun alarde de irresponsabilidade política que a Xunta de Galicia non comparte nin comprende.
Gabinete de Comunicación da Dirección Xeral de Inmigración da Xunta de Galicia