Skip to main content

O programa de préstamos Igape-BEI permitirá mobilizar 20 millóns en investimentos nas empresas galegas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou a aprobación o vindeiro mércores, no Consello da Xunta, do programa de préstamos entre o Igape e o Banco Europeo de Investimentos (BEI), que permitirá mobilizar 20 millóns de euros máis para apoiar tanto investimentos de ampliación, renovación tecnolóxica ou modernización, como circulante para as compañías que precisen reforzar as súas estruturas financeiras ou avanzar nos seus plans de internacionalización.

Durante o acto de clausura da XVII Asemblea anual da Asociación Galega de Empresa Familiar, Feijóo aseverou que o Executivo galego seguirá facilitando o acceso ao financiamento das pequenas e medianas empresas. Ao respecto, recordou que os préstamos Igape-BEI se inclúen dentro do Galicia 1000, un programa que desde o seu inicio en 2014 facilitou o acceso ao financiamento a 5100 pemes, mobilizando máis de 785 millóns de euros. Para este ano, a través do Galicia 1000, está previsto financiar a 3000 pemes, cunha achega de preto de 100 millóns de euros que mobilizarán máis de 425 millóns en investimentos.

Consciente de que avalar as empresas é outro xeito indispensable para favorecer o seu crecemento e expansión a novos mercados, o titular da Administración autonómica galega subliñou que desde 2009 a Xunta concedeu máis avais que durante toda a historia da comunidade. Exactamente, 3400 operacións de avais e reavais -cunha media de 55.000 euros por aval-, explicou, fronte aos só 100 avais que se concederon entre 2005 e 2008.

Feijóo lembrou que na actualidade máis do 92% das empresas na Comunidade son familiares, achegan máis do 86% do emprego en Galicia e o 69% das 100 maiores empresas con sede galega son de propiedade familiar.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico referiuse a un dos principais desafíos das empresas familiares: planificar a sucesión e darlle continuidade aos proxectos.

Sobre este punto, salientou que Galicia contribuíu a aliviar ese desafío, desde o punto de vista da Administración e as cargas impositivas. Así, desde 2016, o 99% dos galegos non pagan o Imposto sobre sucesións e doazóns; a maioría tiveron unha rebaixa no tramo autonómico do IRPF; e non tributan pola transmisión, herdanza ou doazón de empresas. Ademais de contar con bonificacións fiscais á hora de herdar un negocio, para que as dúas persoas que se dan a remuda poidan compaxinar os seus cargos na dirección durante un ano. “E, xunto con isto, tamén o rural galego é hoxe un área de impostos cero”, abundou.

O presidente da Xunta referiuse tamén aos indicadores económicos que, tanto para Galicia como para o conxunto de España, non só prevén un crecemento positivo da economía para este ano, senón que están a revisar á alza os seus prognósticos.

Ao respecto, sumou un dato máis sobre o sector servizos e a industria. Un dato deste primeiro trimestre do ano que apunta a que: segue tirando moi forte a actividade do sector servizos, cunha suba do 12,9% en marzo e do 10,7% no primeiro trimestre do ano-; mantense unha tendencia moi positiva na entrada de pedidos no sector industrial, cunha suba do 21,9% en marzo e do 18,9% no primeiro trimestre; e continúa a tendencia positiva na facturación da industria, cun incremento do 12,9% no mes de marzo e un incremento do 8,5% desde xaneiro a ese mes.

Máis innovación, internacionalización e investimento

Diante destas cifras, e co obxectivo de consolidalas neste 2017, Feijóo incidiu na necesidade de continuar innovando, exportando e atraendo máis investimentos. “Ese é o camiño que a Xunta quere facilitar”, aseverou, destacando a batería de medidas levadas a cabo para que ser empresa e facer empresa en Galicia sexa máis doado.

Sobre este punto, resaltou a posibilidade de participar nos dous programas de innovación da Xunta abertos ás empresas, na Rede de Aceleradoras ou nas Unidades Mixtas de Investigación. “E este mércores, tamén, ampliaremos a liña de préstamos para financiar investimentos en materia de renovación tecnolóxica nas empresas industriais galegas; e para facilitarlles circulante para os seus proxectos de internacionalización”, engadiu.

Así mesmo, destacou a nova lei que se está a elaborar para favorecer a implantación de novas empresas en solo industrial galego. Unha lei, cuxo espírito é eliminar os máximos obstáculos posibles á actividade empresarial: a nivel de carga fiscal, a nivel de tramitación administrativa, á hora de acceder a solo industrial a baixo custo, ou en caso de precisar asesoramento a través da oficina Doing Business.

E coa que se busca, ademais, a colaboración dos concellos para que acheguen beneficios adicionais como: a supresión ou a bonificación de impostos municipais -o IBI, o IAE ou o ICIO-; de licenzas de obra e apertura; a verificación a posteriori da comunicación previa; ou descontos a maiores no solo industrial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia