Skip to main content

Medio Ambiente declara non viable o aproveitamento hidroeléctrico do río Outón, en Carballo

A Consellería de Medio Ambiente declarou non viable o proxecto para a construción dun aproveitamento hidroeléctrico no río Outón, no concello de Carballo. Para o departamento que dirixe Xosé Manuel Barreiro Fernández, a diminución de caudais no río provocaría severos impactos na fervenza de Entrecruces. Deste xeito, Medio Ambiente quere responder ao forte interese social demostrado por conservar a fervenza, manifestado a través das forzas políticas locais, de diversas asociacións e centros de ensino locais e da poboación coa recollida de firmas. Ademais, a zona na que se sitúa o proxecto está considerada de interese paisaxístico, segundo o Plan Hidrolóxico de Galicia Costa.

O informe elaborado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental sinala que o aproveitamento proxectado afectaría a vexetación específica que rodea a fervenza e provocaría a perda de ata o 60 por cento das vistosidade do salto nos meses de inverno. Cómpre salientar tamén que a obra precisaría da execución de novos accesos, o que produciría grandes movementos de terras de difícil control e de gran impacto visual. Na declaración de impacto ambiental negativa valorouse tamén a escasa enerxía eléctrica que produciría o aproveitamento.

O vecepresidente segundo e conselleiro de Medio Ambiente, Xosé Manuel Barreiro Fernández, visitou recentemente a zona a proposta do grupo municipal popular, onde se mostrou impresionado pola riqueza paisaxística do lugar.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia