Skip to main content

A Xunta e as universidades galegas emprenderán expedicións de atracción do coñecemento para captar novos alumnos iberoamericanos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta e as universidades galegas emprenderán expedicións de atracción do coñecemento para captar novos alumnos iberoamericanos.

Esta será unha das primeiras accións que, segundo explicou Feijóo, permitirá a sinatura do memorando de entendemento para a colaboración no marco do espazo iberoamericano do coñecemento e a adhesión da Xunta á alianza para a mobilidade académica. Un acto que tivo lugar esta mañá tras unha reunión coa secretaria xeral iberoamericana, Rebeca Grynspan Mayufis.

O responsable do Goberno galego afirmou que estas expedicións de atracción de coñecemento terán un papel fundamental á hora de acadar o obxectivo de que en 2020 o 3% dos universitarios galegos sexan estranxeiros. Non en van, na actualidade xa hai máis de 400 mozos latinoamericanos que estudan un grao ou un máster na Comunidade.

Así mesmo, afirmou que esta iniciativa se complementará coas Bolsas Mocidade Exterior para que mozos universitarios de orixe galega poidan finalizar os seus estudos de posgrao nas universidades galegas.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta expresou o convencemento de que esta xuntanza coa secretaria xeral iberoamericana senta as bases para unha cooperación aínda máis intensa e frutífera. “Desde hoxe, o Sistema Universitario de Galicia forma parte da Alianza para a Mobilidade Académica co obxectivo de impulsar as estancias internacionais de estudantes, profesores e investigadores”, dixo, incidindo en que, deste xeito, Galicia se mergulla no Espazo Iberoamericano do Coñecemento, que cumpre xa doce anos de existencia e que serve como foro de coordinación de gobernos, universidades e institucións públicas e privadas destes países.

Ademais de salientar que a Comunidade galega é a primeira autonomía que se suma a esta alianza, o responsable do Goberno galego concluíu afirmando que Galicia seguirá apostando por reforzar os vínculos con América, para aumentar as posibilidades de colaboración empresarial e, desta forma, seguir abrindo novos mercados; e para intensificar a cooperación en materia cultural e educativa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia