Skip to main content

Prado reclama a transferencia completa dos fondos de formación para lograr unha coordinación total neste ámbito

A conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, entregou en Santitago os diplomas aos alumnos dos cursos de formación do Plan de Formación e Inclusión Profesional (FIP), impartidos pola Asociación Galega de Centros de Formación (ACEFO).

Na súa intervención, a conselleira recordou a reivindicación do Goberno galego, que vén solicitando unha completa trasferencia dos fondos para a xestión da formación continua por parte do Goberno central. Deste xeito, segundo Belén Prado, poderase lograr unha coordinación total no ámbito da formación. A sentenza do Tribunal Constitucional 190/2002, do 17 de outubro, deulle a razón á Xunta de Galicia, establecendo o principio de xestión desta formación por parte das Comunidades Autónomas.

A titular de Emprego destacou que unha formación permanente e de calidade favorece que as persoas dispoñan das competencias necesarias para ser cidadáns participativos e se poidan integrar de forma activa na sociedade. Neste sentido, Belén Prado sinalou que desde o seu departamento se trata de potenciar a función estratéxica da formación, concibíndoa como un instrumento para mellorar a capacidade de inserción e reinserción profesional da poboación desempregada en Galicia e tamén como unha vía para mellorar a competitividade nas empresas.

Entre os anos 2001 e 2004, a achega da Xunta á formación profesional ocupacional incrementouse un 15,23%. O orzamento total neste período foi de 153 millóns de euros e beneficiou a máis de 144.000 persoas.

19 CURSOS

A Asociación Galega de Centros de Formación puxo en marcha en 2004 un total de 19 cursos, que contaron cun investimento de Asuntos Sociais de case 800.000 euros. Estas accións formativas, nas que participaron máis de 250 alumnos, abarcaron familias profesionais diversas como a de administración e oficinas, servicios ás empresas, automoción, servicios persoais, seguros e finanzas, comercio e sanidade e supuxeron un total de 12.000 horas de formación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia