Skip to main content

O Arquivo do Reino de Galicia celebra o Día Internacional dos Arquivos

Esta efeméride conmemora a creación o día 9 de xuño de 1948 do Consello Internacional de Arquivos, órgano asesor da Unesco para defender a conservación e protección do patrimonio documental que reúne institucións arquivísticas e profesionais de todo o mundo.

A través de diversas actividades, o Arquivo pretende achegarse aos cidadáns e resaltar o seu papel como axente cultural, custodio do patrimonio documental e preservador da memoria, e como axente mediador na defensa dos intereses dos cidadáns, da xestión pública e da transparencia das administracións. Tamén compartirá experiencias e a relevancia do seu labor cotiá para amosar que a profesión arquivística é divertida, inclusiva, diversa e útil para toda a cidadanía.

Comezan as actividades o mércores, día 7 de xuño, data na que o profesor da Universidade da Coruña Miguel Abelleira impartirá a conferencia A arquitectura dunha Coruña inexistente ás 19,30 h., con entrada libre ata completar aforo.

Os obradoiros, impartidos por especialistas do Arquivo, permitirán ver como se fai o papel e como se encaderna, e iniciarán na paleografía coa lectura de diferentes tipos de escritura utilizada ata o século XVIII, a cortesá, a procesal e a humanística, sendo o documento máis antigo un pergameo do ano 1480. Os obradoiros destínanse a persoas adultas, duran unha hora e 30 minutos e precisan inscrición previa no Arquivo do Reino de Galicia.

Haberá tres edicións do obradoiro de papel: o día 7 de xuño ás 17,30 h. e os días 8 e 9 de xuño ás 11,30 h., dúas edicións do obradoiro de encadernación: o día 8 ás 17,30 h. e o día 9 ás 11,30 h., e unha edición do obradoiro de lectura de documentos: o día 8 ás 17,30 h.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia