Skip to main content

A directora da Amtega lembra que a ciberseguridade é una unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta (Amtega), Mar Pereira, destacou que o incremento da seguridade na rede é unha das prioridades da Axenda Dixital de Galicia 2020, que se plasma no Plan Director de Seguridade TIC 2015-2020. A máxima responsable da política tecnolóxica autonómica inaugurou hoxe en Santiago a II Xornada de Ciberseguridade de Galicia, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG).

Pereira sinalou que os ciberataques xeran un dobre prexuízo, o que causan directamente aos afectados e o clima de desconfianza que xeran na cidadanía respecto do uso de medios electrónicos. Neste sentido, a directora da Amtega afirmou que aínda que os ataques informáticos non se poden evitar ao 100%, cada vez existen máis servizos e ferramentas para minimizar o máximo posible o seu impacto. Por iso, engadiu, a ciberseguridade é un aspecto imprescindible a ter en conta en calquera tipo de organización pública ou privada e tamén no ámbito persoal.

Seguridade na rede e confianza dixital

A directora da Amtega afirmou que o Plan Director de Seguridade da Xunta, que conta cun investimento de 11 millóns de euros en 5 anos, é folla de ruta para protexer os servizos públicos dixitais fronte a este tipo de ameazas e crear un clima de confianza para xeralizar o seu uso por parte de cidadáns e empresas.

No marco do Plan estanse a desenvolver una serie de actuacións, tanto técnicas e operativas como organizativas e formativas, que permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

Estas medidas permiten, tamén, unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles de delitos relacionados co ciberespazo.

Colaboración

Nun proceso de dixitalización intensivo, como o que se está a desenvolver a nivel mundial, as infraestruturas tecnolóxicas que garanten o funcionamento de servizos públicos convértense en infraestruturas críticas e a ciberseguridade nun elemento chave de seguridade nacional. Mar Pereira incidiu en que incrementar a seguridade require da acción conxunta dos diferentes Gobernos, dos corpos e forzas de seguridade, e tamén da colaboración estreita do sector tecnolóxico
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia