Skip to main content

A Xunta de Galicia contará en breve con 30 novas estacións meteorolóxicas

A Xunta incrementará en breve a súa rede de estacións meteorolóxicas con 30 novas instalacións, que se sumarán así ás 24 estacións automáticas que se distribúen xa na actualidade por todo o territorio galego. As estacións serven para rexistrar todos os datos sobre diferentes parámetros meteorolóxicos, como por exemplo a pluviometría, a temperatura, a humidade, a velocidade e dirección do vento, as horas de sol ou a radiación solar.

Toda a información que se recolle nas distintas estacións pode consultarse nas páxinas web de MeteoGalicia (www.meteogalicia.es) e da Consellería (www.siam-cma.org/meteoroloxia/), onde se actualiza cada hora. Os datos recollidos nestas instalacións son fundamentais para o traballo de MeteoGalicia, xa que a partir deles se fai un seguimento da situación atmosférica, se realizan os estudos climáticos e se validan as prediccións dispoñibles.

INFORMACIÓN MARÍTIMA E OCEANOGRÁFICA

MeteoGalicia -dependente da Consellería de Medio Ambiente- continúa este ano ademais á vangarda nos servizos que ofrece, xa que dende febreiro dispón dun novo sistema de predicción marítimo-meteorolóxica e información oceanográfica pioneiro en toda España. Trátase dun servizo que completa a predicción marítima que xa se viña dando, pero que agora se mellora con todo tipo de información oceanográfica, con modelos de ondas costeiras e de correntes, que permiten predicir o estado do mar cunha ampla marxe temporal.

O novo sistema permite, por unha banda, dar servizo a toda a cidadanía en xeral, cunha información descritiva do estado do mar e da atmosfera das costas galegas. Por outra banda, ofrécense datos de xeito especializado aos eidos económicos e sociais vinculados ao medio mariño. Así, profesionais do sector pesqueiro, marisqueiro, turístico, de navegación ou dos deportes náuticos, entre outros, dispoñen de información meteorolóxica e oceanográfica específica e de alta calidade.

OUTROS SERVIZOS

MeteoGalicia ofrece un servizo de predicción meteorolóxica xeral para todo o territorio galego e específico por zonas. Incorpora ademais un apartado coas prediccións para as zonas dos Camiños de Santiago. En períodos especiais, como agora en Semana Santa, pon en marcha tamén un servizo específico no que se recolle a información concreta para esa época determinada.

O servizo de información meteorolóxica de Medio Ambiente incorpora tamén un sistema de predicción de raios ultravioleta para catro zonas: Costa Coruñesa, Rías Baixas, Montaña Interior e Costa Luguesa. Ofrécese ademais a posibilidade de coñecer a predicción de raios UVA para catorce localidades galegas.

MeteoGalicia ofrece tamén a posibilidade de coñecer as horas nas que o sol sae e se pon na comunidade galega, dato co que se calculan tamén as horas de luz e a duración de cada día. Os internautas poden consultar as horas nas que sae o sol nas cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, así como o momento no que se produce o ocaso e o punto da mediodía. Con estes datos calcúlanse as horas de luz de cada xornada e así a duración do día.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia