Skip to main content

Potencial de Galicia para crear series de TV con selo galego e vocación mundial

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou na inauguración do Conecta Fiction e ante grandes empresas do audiovisual o potencial de Galicia para “crear contidos exitosos”. Neste senso, indicou que a “ficción con selo galego” e a “vocación internacional” constitúen “o noso produto” para contribuír “na idade de ouro das series”.

Así, durante o acto Feijóo destacou que a Comunidade galega conta con máis de 30 empresas dedicadas á produción de cine e televisión, que xeran 2.500 postos de traballo directos; é a terceira autonomía con máis incentivos para o sector audiovisual, que se conceden segundo criterios de calidade e potencial para triunfar; conta cunha enorme variedade paisaxística que constitúe “un plató de cine”; posúe experiencia en difusión internacional grazas á CRTVG, que emite a través da TDT a todo o noroeste peninsular e a través de satélite a América e Europa; e conta ademais con profesionais de primeiro nivel.

Nesta mesma liña, referiuse como proba do bo momento que está vivindo o audiovisual galego ás seis películas de cine que están en rodaxe ou preprodución e as dúas series de ficción que están a promover os grandes grupos de televisión privados de España.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno autonómico afirmou que con Conecta Fiction, Galicia presenta a súa candidatura para ser a ponte que una os sectores audiovisuais de América e Europa.

“Con este evento damos un paso máis para reforzar a vocación universal da cultura feita en Galicia”; unha comunidade que “quere converterse no vértice das relacións culturais transatlánticas”, aseverou, subliñando que “nunca antes se uniran tres das rexións do mundo máis frutíferas no plano audiovisual –Europa, América Latina e Estados Unidos- nun evento consagrado á coprodución de series e miniseries de ficción”.

Feijóo resaltou que Conecta Fiction, no que se dan cita preto de 400 profesionais acreditados -entre creadores, produtores, distribuidores e demais profesionais do sector- procedentes de 20 países, nace para ser un gran mercado de ideas que una ambas as dúas beiras do Atlántico.

Non en van, neste encontro danse cita os catro grandes grupos de televisión de España, tanto públicos como privados; os principais grupos televisivos do mundo como HBO, Netflix ou Amazon, ademais de Univisión, a Fox, a RAI e a ZDF; produtoras como Gaumont Endemol e distribuidoras como ITV ou Sony Pictures. “E aquí está tamén o talento galego”, dixo, destacando os dez proxectos internacionais e seis nacionais que se presentarán ante importantes inversores tras un proceso de selección previa.

Feijóo concluíu o acto de inauguración do Conecta Fiction agradecendo a participación de Arxentina como invitada de honra nesta primeira edición, a terceira potencia mundial en produción de ficción televisiva.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia