Skip to main content

Galicia, Norte de Portugal e Castela e León colaboran en emerxencias transfronteirizas

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou en Porto (Portugal) nunha reunión de traballo dos socios do proxecto europeo ARIEM +, unha iniciativa de cooperación dos servizos de emerxencia de Galicia, norte de Portugal e Castela e León.

No encontro constituíuse o comité executivo e o comité asesor do proxecto, e puxéronse as bases para acometer a primeira gran actuación dentro desta iniciativa: a elaboración dun Plan Territorial de Emerxencias Transfronteirizas.

O Plan constituirá un instrumento básico para a xestión coordinada das emerxencias que se poidan producir na fronteira. Ademais, incluirá un mapa dos medios e recursos existentes que servirá para licitar a compra, nunha segunda fase, do material e dos medios que sexan máis necesarios para reforzar os servizos.

Grazas a esta información e á futura creación dunha rede operativa de mando único, mellorarase e simplificarase a xestión conxunta e a coordinación ante posibles incidencias ou situacións de risco. Deste xeito, Galicia, norte de Portugal e Castela e León dan un paso máis na xestión conxunta das emerxencias.

O ARIEM + disporá dun investimento de máis de 4 millóns de euros, que estarán financiados ao 75 por cento por fondos europeos. Este proxecto vén a dar continuidade á unha primeira etapa -o ARIEM- que acadou resultados moi positivos e obtivo o recoñecemento das autoridades europeas como exemplo de cooperación entre rexións transfronteirizas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia