Skip to main content

A Policía Autonómica detivo a dous homes como presuntos autores de varios incendios forestais en Campolameiro (Pontevedra)

Funcionarios do Equipo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica en Pontevedra detiveron aos varóns M.C.S e I.M.C., de 33 e 19 anos de idade respectivamente, como presuntos autores de tres incendios forestais rexistrados o pasado mes de febreiro no concello de Campolameiro (Pontevedra), nos que arderon preto de 9 hectáreas de monte arbolado e 20 máis de monte raso.

As investigacións realizadas polos axentes autonómicos permitiron comprobar que os tres incendios dos que se acusa aos detidos contaban con varios puntos de inicio. A colaboración dos vecinos da zona, concretamente de dous testigos que declararon ver aos detidos no momento de iniciarse un dos lumes, permitiron a detención de M.C.S e de I.M.C., que xa foron postos a disposición do Xulgado de Instrucción de Guardia en Caldas de Reis.

VIGO

Por outra banda, funcionarios do Equipo de Investigación de Incendios da Policía Autonómica de Vigo, detiveron, o pasado luns, ao varón O.R.C., de 72 anos de idade como presunto autor dun incendio forestal ocurrido o pasado día 10 de marzo no concello de Gondomar (Pontevedra).

Con estes arrestos son xa 20 as persoas detidas, no que vai de ano, pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais en diversos puntos da nosa Comunidade Autónoma. A Policía Autonómica conta cun Grupo de Investigación de Incendios, do que forman parte 20 policías, que se encarga da investigación das autorías en incendios forestais. Por outra parte, as tarefas de prevención lévannas a cabo funcionarios policiais integrados nos Grupos de Medio Ambiente. Estes grupos especializados realizan informes e investigacións sobre os lumes, levan a cabo controis en zonas de especial vixiancia en época de máximo risco, seguimentos en zonas con maior actividade incendiaria, investigacións das causas e detención dos autores.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia