Skip to main content

Os Gardacostas requisan media tonelada de peixe e marisco e 354 aparellos de pesca en diversos operativos contra o furtivismo

Na ría de Pontevedra realizáronse distintas actuacións nas que os gardacostas se aprenderon de máis de 98 quilos de diversas especies de peixe e marisco, 81 útiles de pesca e os 3.000 metros de enmalle. O operativo máis importante saldouse co comiso de case 48 quilos de centola, case catro quilos de nécora e coa incautación de 42 nasas, tres viveiros, un saco e 750 metros de aparellos de enmalle.

Na ría de Arousa os axentes tamén fixeron varios controis que resultaron co comiso de case 10 quilos de distintas especies, na súa maioría polbo. A maiores, na ría de Vigo comisaron case 205 quilos de especies e un aparello de pesca. A operación máis destacada foi en Baiona e alí comisaron 190 quilos de polbo.

A ría de Muros e Noia foi escenario tamén de diversas operacións contra o furtivismo. Alí os axentes requisaron máis de 202 quilos de diversas especies e 259 aparellos de pesca. O control máis destacado foi en Muros, onde se fixeron con 218 cacharros de polbo e 95 quilos deste cefalópodo.

Na Coruña, os inspectores tamén se fixeron con case 20 quilos de especies –a maioría congro- e 13 útiles de pesca. Ademais, en Ferrol levaron a cabo outro operativo no que comisaron catro quilos de boi por estar en veda.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia