Skip to main content

O PSdeG critica que a Xunta se reserva discrecionalidade no plan de transporte de viaxeiros

Fernández Leiceaga sinalou á discrecionalidade, a falla de recursos e os problemas que as decisións da Xunta provocarán no transporte escolar nun proceso que corre serio “perigo de enquiste” pola decisión do goberno galego de “provocar un choque de trens” co sector. Sinalou que o goberno pode escoller “perseverar no erro” ou ben “o camiño do entendemento, da negociación e do consenso que hoxe demostramos que é posible”.

O portavoz socialista reclamoulle ao goberno galego que sexa “sensible” ás demandas dos grupos parlamentarios e dos axentes implicados, e advertiu que “estaremos atentos para activar os procedementos dirixidos a obrigar á Xunta a vir ao Parlamento a debater” nas próximas datas.

Fernández Leiceaga dixo que a “solución provisoria” do goberno galego para facer as concesións de forma discrecional ata o novo concurso dentro de 22 meses provoca “incertidume no futuro de moitas empresas” que teñen difícil subsistir mentres agardan á decisión final.

Trasladou ademais a “fonda preocupación” pola decisión de incluír o transporte regular no servizo escolar “que funcionaba correctamente” e que agora provoca dúbidas e aboca ás empresas ao xulgado ao adiantar dous anos o remate das concesións. Dixo que os sistemas mixtos deben ser aplicados de forma paulatina para garantir o servizo e a seguridade dos escolares, e alertou fronte a decisións “dende arriba e sen familiaridade co territorio”.

Fernández Leiceaga lamentou ademais que a Xunta perda a oportunidade de mellorar o transporte metropolitano coordinando a comunicación de viaxeiros nas zonas periurbanas. Ademais, lamentou a falla de recursos do goberno galego para garantir o transporte por estrada, que aínda que ten un custe máis elevado pola dispersión poboacional, lembrou que Galicia recibe máis recursos do sistema financeiro precisamente por esta condición.

O portavoz socialista clausurou a xornada parlamentaria sobre o Plan de Transporte que organizou o Grupo Socialista, organizada en torno a dúas mesas de debate moderadas polo portavoz de Transportes do Grupo Socialista, Raúl Fernández.

Na primeira delas interveu o secretario xeral da FESMC de UGT-Galicia, Eladio Romero, e o responsable do sector de estradas de CCOO-Galicia, Marcos Pérez, así como o presidente de Transgacar, Carlos García Cumplido, e o presidente de Fegatravi, Javier de Bidegain.

A continuación tivo lugar unha nova mesa de debate para afondar na perspectiva destes servizos dende a óptica educativa e dos concellos, na que participaron o avogado técnico de transporte Javier Varela Tejedor, o vicepresidente da Fegamp, Manuel Mirás Franqueira, e a representante das Anpas Rocío Veira.
Gabinete de Comunicación do PSdeG