Skip to main content

Galicia incorpórase ao Real Padroado da Biblioteca Nacional de España en representación das comunidades

Galicia incorpórase ao Real Padroado da Biblioteca Nacional de España (BNE) en representación das bibliotecas das comunidades autónomas, xunto con Euskadi e con Cataluña. A designación, que ten carácter rotatorio, aprobouse durante a reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cultura, que tivo lugar no Museo Nacional do Prado, en Madrid.

Durante o encontro, que estivo presidido polo ministro de Educación, Cultura e Deporte, Íñigo Méndez de Vigo, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, confirmou o interese en formar parte do proxecto polo cal a Biblioteca Nacional de España lles cederá ás comunidades autónomas máis de un millón de exemplares das primeiras edicións publicadas desde a década dos cincuenta ata o ano 2011, procedentes do depósito legal. A través desta iniciativa, estarían dispoñibles para a Biblioteca de Galicia preto de 30.000 volumes, moitos deles descatalogados, que pasarían a enriquecer e a completar o patrimonio bibliográfico galego.

As obras ofrecidas polo Ministerio proceden dos terceiros exemplares de cada primeira edición depositada na Biblioteca Nacional de España desde 1958 ata 2011, ano no que a nova Lei de depósito legal estableceu que a institución debe conservar polo menos dous exemplares, fronte aos tres recollidos no marco normativo anterior.

Contra a revenda masiva de entradas

Na reunión plenaria da Conferencia Sectorial de Cultura –da que forman parte forman parte os representantes da Administración Xeral do Estado, das comunidades autónomas e mais das cidades de Ceuta e Melilla– tamén se aprobou un plan de traballo para loitar contra a revenda masiva de entradas de espectáculos a través de internet, co fin de definir as medidas necesarias a desenvolver polas comunidades autónomas para subsanar esta situación.

Impulso á industria do videoxogo

Así mesmo, aprobouse a creación dun grupo de traballo que, en colaboración coa industria do videoxogo, elaborará un plan específico de desenvolvemento, creación e produción de videoxogos en España. O plan incluirá medidas destinadas a establecer e a fortalecer o crecemento dos estudios españois, accións para asegurar o acceso ao financiamento e medidas no ámbito formativo para adaptar a oferta regrada á demanda de profesionais para o tecido industrial. Tamén se impulsarán medidas fiscais similares ás xa adoptadas noutros países membros da Unión Europea.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia