Skip to main content

Sanidade considera carente de veracidade e pouco fiable o informe do FDAS sobre a situación sanitaria

A Consellería de Sanidade quere expresar o seu desacordo co “informe” elaborado pola Federación da Defensa da Sanidade Pública sobre o sistema sanitario. A administración sanitaria galega considera que este documento carece de total fiabilidade, xa que os datos aportados sobre a situación sanitaria galega non responden a realidade.

Así, considera moi grave e carente de veracidade que se afirme neste documento, do que tivo coñecemento a través dos medios de comunicación, que na comunidade galega só o 52% dos usuarios ten acceso ao médico de cabeceira, cando na actualidade a rede de Atención Primaria que está en marcha permite dar cobertura sanitaria ao 100% da poboación galega. Na actualidade, Galicia conta con preto de 500 centros de saúde repartidos entre os 315 municipios galegos, que son o 13% dos que existen en España para unha poboación que representa o 6,4% da do Estado.

A Consellería de Sanidade considera preocupante que se ofrezan datos sobre a situación das comunidades autónomas sen contrastalos debidamente.

O departamento que dirixe José Manuel González ven de realizar nos últimos anos un importante investimento na adquisición e renovación dos equipos de alta tecnoloxía dos hospitais do Servizo Galego de Saúde, o que sitúa a Galicia por enriba da media nacional nesta área. Os investimentos realizados nos últimos anos permitiron pasar dos oito TAC que existían no ano 1990 ás trinta que hai na actualidade, e das dúas resonancias que existían no 1990 ata as 14 instaladas a día de hoxe nos centros hospitalarios.

A aposta decidida que está a realizar o Servizo Galego de Saúde polo desenvolvemento da alta tecnoloxía completarase proximamente, despois de que onte se publicase o concurso público para a merca de novo aparataxe por valor de 5.243.035 euros con destino aos centros hospitalarios. Esta mellora de dotación tecnolóxica vai acompañada dun incremento do rendemento medio na súa utilización, co que acceso a estas probas diagnósticas se ve incrementando na medida en que as necesidades asistenciais o demandan.

O traballo realizado nos últimos anos en procura dunha mellora da calidade sanitaria, permitiu tamén lograr un importante aumento do gasto sanitario por persoa, que na actualidade é superior a media nacional. Así, pasouse de algo máis de 300 euros por persoa no ano 1991 aos ó redor de 1.100 euros por persoa acadados no 2004. Paralelamente, o presuposto do Servizo Galego de Saúde creceu de maneira constante, xa que pasou dos preto de oitocentos millóns de 1991 de euros aos máis de 2.700 millóns de euros do ano 2005, o que supón un incremento do 265%. Tan só no presente ano acadouse un incremento do 10´5% sobre o orzamento do ano anterior.

INVESTIMENTOS DE INFRAESTRUTURAS

O período 1990-2004 estivo marcado por importantes investimentos en infraestruturas, equipamentos, recursos humanos, que permite ofrecer aos galegos unha sanidade de calidade, en igualdade de condicións coa do resto do Estado. Así, edificáronse 14 novos hospitais, o que supuxo un considerable aumento das prestacións asistenciais que se ofrecen aos galegos e un aumento de camas hospitalarias de ó redor de 3.000. Ademais destes centros hospitalarios, construíronse 166 centros de saúde dos 492 que existen na actualidade, que representan o 13% dos que existen en España.

Precisamente, no afán de mellorar a atención sanitaria que lle presta ós usuarios, a Consellería de Sanidade está inmersa nun ambicioso plano de investimentos en infraestruturas e novas tecnoloxías que contará cun investimento superior ós 630 millóns de euros no período 2005-08. O proxecto de infraestruturas inclúe a construción de 57 centros de saúde, así como a reforma ou ampliación de outros 37. Tamén está previstas 26 grandes actuacións de mellora de infraestrutura, incluída a realización dos novos hospitais en Lugo e en Vigo, en practicamente tódolos centros hospitalarios da rede SERGAS.

Por outra parte, outras das áreas que recibiron un importante impulso en investimentos foron as de cardioloxía intervencionista e a cirurxía cardíaca, así como a oncoloxía –tanto clínica como radioterapia-, así como a cirurxía ambulatoria, que está a experimentar un importante incremento ano tras ano.

Cabe significar tamén o aumento rexistrado no ámbito dos recursos humanos. O número de prazas incrementouse en dez mil nos últimos anos, o que representa un incremento do 57%. Este aumento progresivo de profesionais acompañouse de outras medidas para mellorar a formación, como é a creación da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, que dende o inicio do seu funcionamento realizou máis de 3.000 actividades, entre cursos e seminarios e programas de formación.
Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)