Skip to main content

A tuberculose en Galicia descendeu un 50% nos últimos nove anos

Galicia está a presentar unha notable diminución na incidencia dos casos de tuberculose. Así, os datos recollidos no Rexistro Galego desta enfermidade reflicten que a tuberculose pasou na Comunidade Autónoma de 72 casos por 100.000 habitantes no ano 1996 (2.030 casos) a 37 por 100.000 no 2004 (1.018 casos). Isto representa un descenso do 49,9% no número total de casos ou, o que é o mesmo, unha diminución por termo medio anual do 8,3%. A Organización Mundial da Saúde establece para o Día Mundial desta doenza -que se celebra mañá xoves 24 de marzo- o lema “Enfermeiras e provedores de saúde no ámbito da TB: heroes cotiás na loita contra a tuberculose”, e a Consellería de Sanidade súmase a esta conmemoración.

O departamento sanitario que dirixe José Manuel González, seguindo as recomendacións da OMS en materia de prevención desta enfermidade, puxo en marcha no ano 1995, o Programa de Prevención e Control da Tuberculose. Así, dende a creación do mesmo, téñense desenvolvido numerosas medidas que están a dar resultados e que fixeron que este programa sexa recoñecido nacional e internacionalmente, posto que incluso a Organización Mundial da Saúde felicitou á Dirección Xeral de Saúde Pública de Galicia polo seu funcionamento.

Neste senso, os esforzos tradúcense nunha positiva porcentaxe de curación, o 90%, que supera o obxectivo marcado pola OMS para o ano 2005, que establece unha porcentaxe de resultados satisfactorios do 85%. Galicia sitúase entre as comunidades autónomas onde as actividades de control están máis desenvolvidas. Un dos elementos clave nesta liña é o aumento de Tratamentos Directamente Observados (TDO) -proporcionar directamente a cada paciente a súa dose de medicación e observar como é inxerida- que son o dobre que no ano 1996.


AMPLO ABANO DE ACCIÓNS PARA ACADAR RESULTADOS

Entre as medidas levadas a cabo ata o de agora pola Administración sanitaria galega destacan, entre outras, a posta en marcha e funcionamento das sete unidades hospitalarias de tuberculose situadas nas grandes cidades galegas; a consolidación do Rexistro Galego de Tuberculose; o establecemento dun Sistema Específico de Vixilancia contra a enfermidade; ou a creación do Laboratorio de Referencia de Micobacterias de Galicia, onde se realizan probas de sensibilidade a todas as cepas de M. tuberculosis e probas de bioloxía molecular en determinados grupos.

A estas engádense o establecemento de convenios de colaboración con ONGs (Ecos do Sur, Médicos do Mundo, Alecrín, etc.) referidos á atención de colectivos con problemática social; a creación dun equipo de supervisión ambulatoria dos tratamentos instaurados coa incorporación dun traballador social en cada unhas das unidades de tuberculose; a creación dun subprograma de prevención e control da tuberculose en usuarios de drogas que acoden ás unidades de atención ao drogodependente; ou o establecemento de acordos de colaboración coa Dirección Xeral de Institucións Penitenciarías.

Pódese destacar tamén a creación da Comisión galega para a avaliación do manexo da tuberculose resistente a fármacos; ou a realización -dentro do Proxecto Global de Vixilancia de Resistencias da OMS- dun estudio de resistencias primarias aos fármacos antituberculosos. Neste estudio só participou, da totalidade de España, a cidade de Barcelona e a Comunidade autónoma galega. Os resultados do mesmo -que foron publicados na páxina web da OMS- reflicten que Galicia presenta unha prevalencia de resistencia aos fármacos antituberculosos semellante á dos países do noso entorno. Estas e outras medidas sitúan a Galicia á cabeza das Comunidades Autónomas españolas no que se refire ás actividades de control desta patoloxía. Como consecuencia disto, estanse a acadar os obxectivos marcados en canto ao diagnóstico e curación dos enfermos así como á diminución da enfermidade.

DOBRE CONTROL DA MEDICACIÓN

A Dirección Xeral de Saúde Pública lembra neste día que para o control da enfermidade é fundamental asegurar a correcta toma da medicación nas doses e durante todo o tempo que se indique, mínimo seis meses, pois só curando aos enfermos pódese rachar a cadea de transmisión da enfermidade. De aí a importancia da medida levada a cabo pola Consellería de Sanidade -preconizada pola OMS- de potenciar a supervisión diaria da inxesta da medicación naqueles enfermos nos que as súas características socioeconómicas o fan máis necesario. Así, o número de Tratamentos Directamente Observados é actualmente o dobre do que se instaurou no 96. Por outra banda, a porcentaxe de curación na nosa Comunidade -o 90%- foi nestes últimos anos superior ao obxectivo marcado pola OMS para o ano 2005, que sinalou que tiña que se acadar unha porcentaxe de resultados finais satisfactorios do 85%.

Gabinete de Comunicación do Sergas (Xunta de Galicia)