Skip to main content

A Capela de Santa María de Lugo acolle “A Foliada”, de Xoán Vila

García Porto destacou “dende o Goberno da Deputación cremos importante promover este tipo de iniciativas para impulsar o traballo dos artistas lucenses e galegos. Xoán Vila é un antigo alumno do CENTRAD, que hoxe volve a súas orixes lucenses para expoñer parte da súa obra”.

A Deputada explicou “a obra de Vila reflicte a súa busqueda incesante da harmonía a través da unión coa natureza, e como el mesmo confesa, dialogando coas arbores, coa madeira, e tendo como referencia a cultura popular galega. O resultado é unha exposición chea de simbolismo, como pode comprobarse nesta colección. O autor escenifica, elevando o seu máximo expoñente unha troula, unha foliada popular na capela de Santa María”.

Vila, un alumno do CENTRAD

Xoan Vila (Lugo, 1958), é un artista basicamente autodidacta. A formación académica que posúe adquiriuna na Escola de Artes Aplicadas, no CENTRAD, e na Escola Mestre Mateo de Santiago, onde realizou cursos de iniciación e perfeccionamento á escultura. A súa obra xa se exhibiu en exposicións, tanto colectivas como individuais en lugares como Madrid ou Lugo. “Co meu traballo pretendo darlle unha segunda vida á madeira, pulíndoa, dialogando con ela, para poder atrapar o seu espírito. A miña inspiración é a cultura popular galega; a literatura, a arte, a lingua, as romarías, as festas e como non as foliadas, todos eses conceptos son un referente en toda a miña obra”.

Banda sonora do ano 1974

A inauguración desta exposición contará cunha banda sonora especial, xa que na mesma, poderanse escoitar as gravacións realizadas por Marcos Fernández Puente sobre as festas e foliadas de Galicia do ano 1974. Esta colección pertence ao catálogo de gravacións históricas que posúe o organismo provincial.
Deputación Provincial de Lugo