Skip to main content

A Xunta de Galicia realizará unha proba de voto electrónico nos vindeiros comicios autonómicos

A Xunta de Galicia proxecta, con vistas ás vindeiras eleccións autonómicas, a realización dunha proba piloto de voto electrónico sen validez legal. A proba de voto electrónico implicará a posta en marcha de tres solucións tecnolóxicas: proba de caixeiros automáticos de voto, sms e Internet.

Polo que respecta ós caixeiros automáticos, esta proba terá lugar nun concello da comunidade autónoma a determinar pola Xunta de Galicia e nunha cidade do extranxeiro onde residan un número significativo de galegos residentes no extranxeiro.

En canto a Internet, este tipo de proba permitirá que os electores que se atopan embarcados poidan exercer o seu dereito ó voto empregando a Rede. A solución baséase na utilización de Internet para a emisión do voto e o uso de certificados dixitais para a identificación do lector. Esta proba permitirá testar a posibilidade de que, nun futuro, o persoal embarcado teña máis facilidades das que posúe na actualidade para exercer o seu dereito de voto.

Perspectivas

A realización desta proba de votación electrónica abrirá unhas perspectivas de gran trascendencia no desenvolvemento das formas tecnolóxicas de participación democrática na nosa comunidade autónoma, xa que facilitarían o sistema de votación do voto por correo dos residentes e dos máis de 300.000 electores residentes ausentes no extranxeiro, así como do persoal embarcado.

Esta proba piloto de votación electrónica suporá, polo tanto, un hito de gran magnitude no avance cara a implantación da democracia electrónica na nosa comunidade xa que a proba de votación electrónica que a Xunta de Galicia ten previsto realizar nos vindeiros comicios autonómicos permitirá, a través destas tres solucións tecnolóxicas diferentes e complementarias entre sí comprobar o impacto no electorado nos seguintes aspectos: a posibilidade de votar en calquera lugar e disponer dun prazo maior de tempo para exercer o dereito de sufraxio.

Así pois, a Xunta amosa a través desta proba experimental de voto electrónico a súa posición favorable traballando activamente na busca dos novos recursos tecnolóxicos que ofrezan solucións fiables e aplicables, nun futuro a corto prazo, en vindeiros comicios autonómicos que permitan facilitar o voto por correo dos galegos residentes no exterior así como o voto do persoal embarcado.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia