Skip to main content

Arxentina escolle a Galicia como modelo de ensino no rural e na FP

Arxentina escolleu a Galicia como modelo ideal a seguir para a organización dos seus propios sistemas de ensino no ámbito rural o de formación profesional.

O feito de que todo un estado considere que os logros acadados por unha comunidade autónoma son o mellor referente para o desenvolvemento da súa administración educativa non é unha circunstancia común, e neste caso significa un recoñecemento internacional decisivo para o sistema galego de ensino.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández, o ministro de Educación, Ciencia y Tecnología de Arxentina, Daniel Fernando Filmus, e o director adxunto da Organización de Estados Iberoamericanos para la Educación, la Ciencia y la Cultura, Darío Púlfer asinaron recentemente un convenio de cooperación para a posta en marcha de programas de apoio á educación rural, a ensinanza bilingüe e á formación técnica profesional.

Mediante este protocolo a Xunta de Galicia prestará ao Ministerio de Educación arxentino asesoramento e asistencia técnica cun programa de apoio á escola rural. Este proxecto terá moi en conta a experiencia de Galicia no ámbito dos colexios rurais agrupados, centros públicos integrados e a dos servizos de comedor e transporte dos colexios de educación infantil e primaria. O programa preescolar na casa e a conexión a internet desenvolto polos servizos informáticos da Xunta tamén se terán en conta.

O Goberno galego asesorará ademais a través de accións de cooperación e asistencia técnica favorecedoras da educación bilingüe en escolas fronteirizas coa República do Brasil onde subsisten unha mixtura de idiomas.

Por outra parte, o convenio contempla outro programa que permitirá promover a modernización e implantación de ensinanzas de educación técnico-profesional en sectores innovadores relacionados coa actividade de empresas galegas na Arxentina, cuxa presenza e participación neste programa xestionará sectores relacionados coa actividade náutico-pesqueira, conserveira, deseño, moda e textil.

O ministro arxentino, tras asinar este documento, manifestou que este acordo é "fundamental" e “un referente” para o seu país. Filmus lembrou a visita que realizou a Galicia hai uns meses, na que tivo ocasión de coñecer ao presidente da Xunta e ao conselleiro, a quenes describiu as necesidades do seu país e con quen intercambiou opinións e información.

Celso Currás, pola súa parte, agradeceu ao ministro a confianza que depositou en Galicia. “Unha rexión na que estamos facendo importantes esforzos por mellorar o sistema educativo e onde a educación rural é un dos temas nos que Galicia se esforzou moito, xa que hai unha porcentaxe moi importante de poboación rural”. O titular de Educación manifestou a súa vontade de “prestar axuda e experiencia para a educación dos arxentinos”.

Currás destacou que “as diferenzas entre o sistema educativo arxentino e o galego son mínimas. Son sistemas parecidos e quizabes a diferenza máis acusada é o feito de que en Galicia o número de alumnos descende e no país arxentino aumenta”.

VIAXE INSTITUCIONAL

O conselleiro de Educación asinou no protocolo durante a súa recente visita a Arxentina, na que presidiu ou participou noutros actos institucionais, nos que tivo a ocasión de coñecer a situación actual da ensinanza no país austral e, en particular, da comunidade galega no tocante á educación dos mozos e mozas.

Así, Celso Curás asistiu á apertura do curso do nivel de Secundaria no Colexio Santiago Apóstol, onde tamén estivo presente o embaixador de España, Carmelo Angulo Barturel, o cal loubou a importante labor que está facendo a Xunta de Galicia en Arxentina.

Durante o evento Celso Currás descubriu unha placa que conmemoraba a finalización dunhas obras do centro e mantivo interesantes reunións con empresarios de diversos sectores económicos e sociais de Arxentina e cos membros da Fundación Galicia América, cos que realizou unha visita ás obras do Centro Galicia.

O titular de Educación tamén fixo entrega duns libros ao Colexio Santiago Apóstol e o director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, impartiu unha conferencia sobre a evolución do idioma galego dende o latín ata a actualidade.

Noutra das visitas, Celso Currás, acompañado polo comandante e director do Tercio de Galegos, Horacio Vázquez, tivo un entrañable encontro na Escola de Náutica, co que visitou as instalacións.

Celso Currás reuniuse tamén con diversos profesores da Universidad de Ciencias Empresariales y Sociales (UCES), cos que tivo ocasión de intercambiar impresións sobre os sistema universitario galego e arxentino. Posteriormente, Currás impartiu unha conferencia con notable afluencia de público sobre o Sistema Universitario de España e Galicia.

Entre os actos desenvoltos en Arxentina o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria tivo unha xuntanza coa Comisión de Educación da Lexislatura do goberno de Buenos Aires. Nesa ocasión tivo a oportunidade de analizar a situación educativa desta cidade e das principais propostas lexislativas que se veñen levando a cabo. Entre as autoridades cómpre destacar a presenza de Santiago de Estrada, vicepresidente primeiro do Goberno arxentino, quen recibiu ao conselleiro ao remate da xuntanza.

GALEGOS NA ARXENTINA

O conselleiro de Educación acompañou ao conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, en varias visitas á Escola Galicia e a diversos Centros Galegos de Buenos Aires e Rosario, onde tiveron unha excepcional e calurosa acollida. Uns actos moi entrañables que permitiron que ambos conselleiros se emocionaran coas historias persoais dos emigrantes galegos.

O cariño amosado pola comunidade galego-arxentina tamén se fixo patente na entrega de diplomas dos cursos de Lingua e Literatura galegas no Centro de Avellaneda, onde a esencia de Galicia estaba viva entre todos os asistentes.

O remate da viaxe culminou coa Gala da Emigración realizada pola TVG nas instalacións do Centro Galicia, onde ao redor de 6.000 galegos e arxentinos vinculados coa comunidade autónoma galega, procedentes de todo o país, tiveron a oportunidade de coñecer e conversar cos conselleiros Aurelio Miras Portugal e Celso Currás Fernández.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia