Skip to main content

Curtametraxes dos cinco continentes competirán polos distintos premios do Festival Curtocircuito 2017

O Curtocircuíto Festival Internacional de Cine deu a coñecer os detalles da súa décimo cuarta edición, que se celebrará en distintos espazos de Santiago de Compostela do 1 ao 8 de outubro. Ademais da súa ampla carteleira de proxeccións e presenza de cineastas de renome, o certame volve cargado de propostas que afondan no seu carácter interdisciplinario, entre as que destaca o novidoso apartado Arredor do son, organizado co apoio da Xunta de Galicia.

Na programación deste ano figuran representantes da cultura underground, como o director francés F.J Ossang, a quen o festival lle dedicará unha completa retrospectiva; artistas de sona internacional que prometen experiencias únicas, como Álex Augier e Francisco López; cineastas novos con traxectorias consolidadas, como o protagonista da sección Púlsar Teddy Williams; críticos, investigadores e docentes, como Nicole Brenez, Sonsoles Hernández e Ricardo Steinberg, que contribuirán coa súa presenza a crear un espazo de reflexión dentro do festival e o músico e escritor de referencia internacional en materia de son David Toop.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, quen participou na presentación, explicou que ademais do apoio global á celebración do Curtocircuíto, a colaboración da Xunta de Galicia céntrase este ano no desenvolvemento dos encontros Arredor do son, que forman parte, á súa vez, do programa de formación continua Galicia Profilme da Agadic. Trátase dun conxunto de actividades de diferentes ámbitos creativos, pensadas para dialogar arredor do concepto de son como forma de expresión e vía de coñecemento. Intercambio de información e experiencia, instalacións artísticas e performances compoñen esta proposta, que é a principal novidade do festival deste ano.

No acto, no que tamén interviñeron a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín, e mais o director do Curtocircuíto, Pela del Álamo, Jacobo Sutil incidiu na importancia dos festivais de cinema galegos dentro da política de fomento do sector audiovisual levada a cabo pola Xunta, e recoñeceulle ao Curtocircuíto a súa contribución na difusión en Galicia da obra de cineastas de renome mundial, ao tempo que lle dedica amplas panorámicas á produción galega de curtas máis recente. Neste sentido, fixo fincapé nos títulos asinados por profesionais galegos como Adrián Canoura, Jaione Camborda, Adrián Mejuto, Diana Gonçalves, Claudia Costafreda, Noemi Chantada, Marcos Flórez, Lois Patiño, Iván Nespereira ou Fon Cortizo, integrantes de Planeta GZ, unha das seccións competitivas.

Tamén destacou que desde o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) se renovou a colaboración que se vén mantendo nos últimos anos para expandir os contidos do festival máis alá de Compostela. Así, o vindeiro 10 de outubro, a sede da filmoteca galega na Coruña dedicaralle unha sesión íntegra á obra do arxentino Teddy Williams, protagonista este ano da sección Púlsar do Curtocircuíto.

Selección entre 1290 títulos

Para a actual edición inscribíronse 1290 curtas procedentes dos cinco continentes, sobre as que o equipo de Curtocircuíto realizou a escolma das que compoñen a sección oficial, que participarán nas categorías Radar, Explora, Penínsulas e Planeta GZ. Esta sección acolle nomes habituais do circuíto internacional de festivais como Lois Patiño, Jessica Sarah Rinland, Gabriel Abrantes, Jennifer Reeder, Yann González, Rainer Kohlberger, Rosa Barba, Ben Rivers ou Salomé Lamas.

Á participación galega hai que engadirlle a compostelá Helena Girón, quen codirixe xunto a Samuel Delgado Plus Ultra, obra estreada no pasado festival de Locarno que compite na sección Radar.

Tamén música

A inauguración do festival, o 30 de setembro, correrá a cargo do artista dixital francés Alex Augier con _nybble_, un espectáculo formal e espacial en constante interacción co espazo escénico. Xunto a Augier, Vive les cônes animarán a noite cun live set dominado polos seus teclados electrizantes. O festival trae tamén a Galicia á lendaria banda de kraut rock alemá faUSt, que estará acompañada polo lisboeta Ricardo Remédio e polo DJ Senhor Guimarães. Jupiter Lion, un dos grupos de culto da escena underground estatal, presentará o seu directo o 4 de outubro xunto co vigués Pálida.

Os norteamericanos Horse Lords, con referencias no math rock, post-punk, electrónica minimalista e músicas tradicionais africanas, actuarán o 5 de outubro co galego Álex Silva, quen pechará a noite cun live set de mestura de sons dixitais, analóxicos e instrumentos reais.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia