Skip to main content

Innovación incentiva ó comercio minorista para que poña en marcha centrais de compras e servizos comúns

Os pequenos e medianos comerciantes galegos disporán, por primeira vez este ano, de axudas para a posta en marcha de centrais de compras e de servizos para establecementos que pertenezan a un mesmo sector de oferta, así como para a implantación da norma de calidade do comercio.

A Consellería de Innovación, Industria e Comercio destinará a tal fin un total de 550.000 euros neste ejercicio, dirixidos a comerciantes individuais e a asociacións de comerciantes. Trátase dunha actuación específica para a cooperación empresarial, -enmarcado no Plan de Mellora da Competitividade do Comercio Galego 2005-2008, que fomente o asociacionismo e o fortalecemento das canles de comercialización.

Esta liña de axudas, -que publicará o Diario Oficial de Galicia o martes, día 29 de marzo-, ten por obxectivo o desenvolvemento de organizacións comerciais que supoñan unha alternativa real de compra para os consumidores, e de distribución para os produtores. Neste senso, a Consellería fomentará a colaboración entre os sectores industriais e os distribuidores mediante plans para a mellora competitiva de establecementos que pertenzan ó mesmo sector de oferta.

No caso dos comerciantes individuais e pemes minoristas, a Consellería habilita axudas para a posta en marcha de plans estratégicos de creación, optimización e desenvolvemento de establecementos detallistas e a súa expansión como cadenas de distribución.

Trátase de poñer en marcha canles de distribución que deberán contemplar as etapas de análise interno da empresa, análise do entorno (competencia, utilidade,…), definición da imaxe corporativa, análise de viabilidade financieira, definición de obxectivos de rentabilidade e plan de implementación do proxecto con resultados cuantificados, calendario de execución e orzamento detallado.

As pemes tamén poderán acollerse a axudas para os gastos de implantación e emisión do certificado da norma de calidade PNE 175001-1 (na que se fixan os parámetros de calidade dos servizos que ofrece o pequeno comercio).

Nestes casos, as subvencións a fondo perdido poderán acadar ata o 50% do investimento.

ASOCIACIÓNS

No caso de asociacións de comerciantes, poderán acollerse a axudas para crear e consolidar agrupacións e centrais de compras e servicios. Os proxectos deste tipo deberán conter un plan de viabilidade e de captación de novos socios, plan de mellora do funcionamento de centrais xa existentes, de formación dos recursos humanos, plan loxístico e de sistemas de información.

Así mesmo, a Consellería financiará investimentos que permitan a transformación estructural dos mercados de abastos en centros comerciais xestionados polos propios comerciantes: unidades xerenciais, actividades de promoción comercial e actividades formativas, entre outras.

Outra das actividades que poden ser subvencionables son aqueles proxectos que contribúan á promoción e implantación da norma de calidade PNE 175001-1 anteriormente descrita.

No caso das asociacións, as axudas concedidas poderán acadar ata o 70% do investimento total subvencionable.

O prazo para acollerse a ditas axudas remata o día 16 de maio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia