Skip to main content

As denominacións de orixe vitivinícolas da Comunidade promóvense en Madrid coa campaña 5 Galegas

As cinco denominacións de orixe vitivinícolas galegas promóvense ata o 9 de outubro en Madrid a través da orixinal campaña 5 galegas impulsada pola Xunta. A presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor, e a secretaria de Estado de Turismo, Matilde Asián, participaron, xunto a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, na apertura desta acción promocional na viñoteca Lavinia.

A campaña, que tamén se desenvolverá en París do 12 de outubro ata o 15 de novembro, comezou cun almorzo informativo ao que seguirá, esta tarde, un evento con touroperadores e con diferentes representantes e autoridades deste sector. Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras protagonizan esta campaña que promove a Comunidade galega como destino enoturístico do que gozar todo o ano cunha oferta especializada e de calidade.

“Galicia é verán, pero tamén outono, inverno e primavera”, sinalou na súa intervención Nava Castro, que se referiu ás numerosas posibilidades para aos viaxeiros en calquera estación. Entre elas, destacou as adegas, rutas do viño ou centros de interpretación vinculados “que se abren aos turistas e lles posibilitan unha experiencia que enriquece a súa estancia”.

Nava Castro lembrou que Galicia “é tradición, pero tamén vangarda”, dous conceptos que se unen na creativa campaña 5 galegas en Madrid, que aposta por unha mensaxe en feminino acompañada dunha posta en escena nesta liña. De feito, a chef Lucía Freitas encárgase do menú-degustación, maridado con viños elaborados por mulleres e que a enóloga Cristina Mantilla se encarga de presentar. Non son as únicas galegas implicadas neste proxecto, xa que tamén participan varias creadoras de Artesanía de Galicia. En concreto, Montse Liñares, Idoia Cuesta, Paula Ojea, Ilda Amoedo, María Pereira de Dosel, Noroeste Xoias, Elena Ferro e as redeiras da Illa de Estrela de Corme levan a Lavinia algunhas das súas creacións.

Menú e tapeo con produtos galegos

Ademais, nas próximas semanas, a viñoteca Lavinia estará decorada con grafismos das cinco denominacións de orixe vitivinícola e os seus viños ocuparán espazos expositivos de carácter preferente. Neste tempo, organizaranse accións como show-rooms para adegueiros e, na zona de restauración, ofrecerase un menú e un tapeo galego diario. Turismo de Galicia contará, así mesmo, cun punto de información turística para atender aos visitantes.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia