Skip to main content

Educación convoca o Plan Proxecta para estimular a innovación educativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar o Plan Proxecta para o curso 2017/18, no que os centros sostidos con fondos públicos poderán participar nun total de 45 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

Do total destes programas, 36 xa funcionaron o ano anterior. Outros cinco son moi similares pero reformulados co fin de melloralos, en concreto Aliméntate ben, Por 365 días de respecto e igualdade, Donas de si, Educación patrimonial e Formando creador@s. Así mesmo, catro son programas totalmente novos, nomeadamente Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional; Campaña Mundial pola Educación, Apuntámonos a non beber e Liga de debate forestal.

O feito de acoller a devandita variedade de programas baixo o Plan Proxecta establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballos do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual e programacións a participación neste tipo de iniciativas.

Os centros interesados poderán solicitar participar no programa a través da aplicación dispoñible no portal web da Consellería, neste enlace.

Competencias clave

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Educación en colaboración con diferentes organismos –da propia Xunta de Galicia e outras entidades-, que ten como obxectivo fomentar a innovación nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixo do currículo. Neste sentido búscase traballar o que a Orde ECD/65/2015, do 21 de xaneiro, recolle como tal, en concreto a competencia en comunicación lingüística, a matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, a dixital, o Aprender a aprender, as competencias sociais e cívicas, o sentido de iniciativa e espírito emprendedor e a conciencia e expresións culturais.
Asemade, os programas incluídos no Proxecta teñen en común o obxectivo de desenvolver os elementos transversais, entre eles a educación en valores.

Ao mesmo tempo, búscase un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa favorecendo a innovación a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede de alumnado e profesorado. Neste sentido, promóvese tamén a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo ou de boa práctica para o conxunto da comunidade educativa.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia