Skip to main content

Pesca cualifica de impecable o acordo promovido polo anterior goberno ao adiantar as indemnizacións do Prestige, tras a última decisión do Fidac

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos manifesta que a decisión do FIDAC, de rexeitar tódalas demandas de indemnización dos pescadores de algas do sudoeste de Francia, é a mostra evidente do acerto que supuxo a aprobación por parte do anterior Goberno Central do Real Decreto Lei 4/2003 do 20 de xuño.

Pesca entende que a situación coa que se atopan estes traballadores franceses é a mostra do que poidera terlles sucedido aos traballadores do mar de Galicia se se optase polos argumentados que no seu día defendeu unha parte minoritaria do colectivo mariñeiro.

Polo tanto, este mecanismo para adiantar as indemnizacións aos afectados polo accidente do Prestige fixo posible afrontar os pagos en tempo record, evitando así o efecto renda negativo.

Ademais, cómpre suliñar que dos 350.000 euros que estiman como perdas os recolectores de algas franceses, o FIDAC só tivese afrontado o pago do 15% do total, namentras que o citado Real Decreto Lei permitiu facer fronte ao 100% das indemnizacións reclamadas polos afectados.

O secretario Xeral da Consellería de Pesca, Miguel López Sieiro, felicitouse porque no seu día o sector se acollese á medida de indemnizacións inmediatas promulgada polo anterior Goberno Central, a pesares do desacordo dunha parte moi minoritaria. “A experiencia desta Consellería recomendábanos defender esta postura, e parece que o tempo lle da a razón á maioría” , dixo Sieiro.

Segundo López Sieiro, de non ser polo Real Decreto “é probable que ainda hoxe” estivesemos inmersos nun proceso xudicial para reclamar as primeiras medidas compensatorias, “como sudeceu en sinistros anteriores” que tiveron como consecuencia danos por hidrocarburos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia