Skip to main content

Gamallo congratúlase porque os españois e, en particular, os galegos, teñan outorgado un sí á Constitución Europea

O secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior e director da Fundación Galicia Europa, Xesús Gamallo, congratúlase porque os españois, en xeral, e os galegos, en particular, teñan participado e outorgado un si á Constitución europea, “un proxecto de futuro vital para o progreso conxunto do continente”. Así o asegura nun artigo publicado no Boletín Galicia Europa correspondente ao mes de febreiro.

Xesús Gamallo analiza e reflexiona sobre os resultados acadados no referendo do pasado 20 de febreiro, repasando as cifras de participación e resaltando que o electorado galego superou a media de participación do Estado (un 43,04% fronte ao 42,23%) e que se obtivo unha “aplastante victoria do si”: un 81,30 por cento do voto no caso da Comunidade galega e un 76,63% en España.

RESULTADO MÁIS ENTUSIASTA

A pesar de que o secretario xeral de Relacións coa UE recoñece que o resultado final do referendo sobre a Constitución Europea foi “un éxito para Galicia, para España e, en definitiva, para o conxunto de Europa”, tamén lamenta “certa precipitación” na súa convocatoria o que, na súa opinión, “non axudou demasiado a formar un debate serio e profundo entre a cidadanía”, que “segue a percibir o proxecto de construción europea como algo afastado ao seu quefacer cotián”.

“Era unha oportunidade para exhibir o sentimento europeísta do que tanto presumimos en España e ao final superouse o trámite pola mínima”, subliña Gamallo, quen tamén invita a reflexionar sobre se ese si outorgado á Constitución tería sido máis entusiasta se o referendo fose convocado “nun momento máis propicio”.

OS OUTROS ESTADOS MEMBROS

No artigo, Xesús Gamallo tamén se refire á próxima entrada en vigor do Tratado Constitucional Europeo, prevista para o 1 de novembro de 2006, unha vez realizada a ratificación e notificada por todos os Estados signatarios. Lembra que España é o cuarto Estado en ratificar a Constitución para Europa (despois de Lituania, Hungría e Eslovenia), e o primeiro que o fai pola vía do referendo.

Non obstante, o secretario xeral de Relacións coa UE tamén considera que “o máis complicado” neste proceso “aínda está por vir”, cos referendos que se van levar a cabo en próximas datas no Reino Unido e en Francia, xa que, a opinión pública nestes países, sinala, “amósase moi dividida”.

Por último, Xesús Gamallo considera que “asistimos un momento crucial da historia recente europea”. Por iso unha vez pasado “o exame”, os españois “diriximos os ollos cara os noso veciños europeos coa esperanza –dixo- de ver cumprida a aspiración de avanzar na unión política grazas á Constitución Europea”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia